Unha grúa forestal robótica, intelixente e conectada, primeiro premio na Concurso de Innovación da feira Galiforest Abanca 2026

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • CONCEDÉRONSE TAMÉN TRES MENCIÓNS, AS CALES RECAERN NUN PROXECTO DE REVALORIZACIÓN DA CODIA DE EUCALIPTO COMO SUSTRATO DE CULTIVO, UN SISTEMA DE CONTROL INTELIXENTE DE CABEZAL PROCESADOR E OUTRO DE CONECTIVIDADE FORESTAL INTELIXENTE PARA REDUCIR PARADAS E MELLORAR A PRODUTIVIDADE
  • OS GALARDÓNS FORON ENTREGADOS NO MARCO DESTE CERTAME FORESTAL,O CAL SE CELEBRA ATA MAÑÁ NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DE SERGUDE (BOQUEIXÓN) 

Silleda, 3 de xullo de 2026.- Unha grúa forestal robótica, intelixente e conectada, da empresa Industrias Guerra, conseguiu o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica da feira forestal Galiforest Abanca 2026, a cal se leva a cabo dende onte e ata mañá no monte do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón), organizada pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia.

Este guindastre está enmarcada no proxecto DIGI4FOREST, no que se desenvolven tecnoloxías orientada á dixitalización integral, monitorización intelixente, robotización avanzada e conectividade de guindastres forestais como resposta á alta dependencia de operadores cualificados na maquinaria actual, a elevada sinistralidade e a escasa conectividade. O proxecto alíñase cos obxectivos estratéxicos da Industria 4.0, implementando tecnoloxías emerxentes baseadas en sistemas ciberfísicos (CPS), Internet das Cousas (IoT) e análise avanzada de datos para transformar o paradigma operativo do sector forestal.

Neste Concurso de Innovación tamén se concederon tres mencións. Unha delas recaeu nun proxecto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) centrado na revalorización da codia de eucalipto como substrato de cultivo para a substitución da turba ante a crecente limitación normativa do uso desta última como substrato de cultivo e a necesidade de atopar materiais alternativos homoxéneos e con gran volume de fabricación para a produción de planta e o cultivo sen chan. O obxectivo foi o seu acondicionamento e caracterización como medio de cultivo, para o que compostaron codia de Eucalyptus nitens e globulus, tanto a pequena como a gran escala.

Outra das mencións foi para o control intelixente de cabezal procesador IHC, presentado por Guifor Noroeste, un sistema presente nos cabezais procesadores que automatiza a presión que as coitelas de desrame exercen sobre a árbore. Os seus beneficios son, entre outros, unha excelente calidade do desrame, non hai penetración das coitelas nin descortezamento da árbore, a madeira mantense fresca, permite precisión na medición da lonxitude e o diámetro, aforra combustible e tempo, permite unha maior produtividade e ademais presenta maior facilidade de axuste e durabilidade.

Unha terceira mención foi para o sistema FPLink de conectividade forestal intelixente para reducir paradas e mellorar a produtividade, presentado por Forest Pioneer. Un sistema deseñado para a monitorización, control operativo e xestión analítica de maquinaria forestal, instalable en calquera tipo e marca de maquinaria. A súa principal novidade céntrase na erradicación da xestión a cegas ao conectar cabina e oficina, permitindo o seguimento total do parque, como control real de consumo ou análise de rendibilidade ademais de centralizar o mantemento operativo ou monitorizar códigos de erro para anticipar avarías.

Os premios foron entregados onte pola tarde polo director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández; o concelleiro de Industria, Turismo e Desenvolvemento Local do Concello de Boqueixón, José Luis Mareque; e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, quen estiveron acompañados pola maioría de membros do xurado.

Ao concurso, co cal a Feira Internacional de Galicia ABANCA pretende contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal, presentáronse dezaoito innovacións destinadas a achegar melloras ao sector forestal e a optimizar os seus recursos.

Todas estas novidades e tamén moitas outras presentadas polas empresas participantes nesta edición móstranse na área de exposición do monográfico.

Avaliadas por nove expertos

As innovacións participantes foron examinadas esta mañá por un xurado conformado por nove expertos: Gonzalo Piñeiro, director de CIS Madeira, entidade adscrita á Axencia Galega da Industria Forestal (XERA); Pablo Lúgaro, xefe do Departamento de Investigación e Transferencia da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL); Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores  e  Rematantes de Madeiras de Galicia (FEARMAGA); Francisco Abilleira, da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (SERFOGA); Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; Carlos Vaamonde, enxeñeiro forestal profesor do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude; Xaime Óscar Iglesias, decano do Colexio Oficial de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia; Óscar González, profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra – Universidade de Vigo; e Miguel Ameijide, enxeñeiro forestal e técnico de prevención de riscos laborais de Lugomadera.

>>> FOTOS das innovacións e da entrega de premios

>>> + FOTOS de GALIFOREST 20263