- OS GALARDÓNS FORON ENTREGADOS ESTA TARDE NO MARCO DESTE CERTAME, O CAL SE CELEBRA DENDE HOXE ATA O SÁBADO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
Silleda, 30 de xuño de 2022.- Un método de extracción de resina para masas de piñeiro con fins produtores de madeira e obtención de resina de alta calidade, presentado por Sinerxias Sostibles Resinforest (Foresin), conseguiu o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica da feira forestal Galiforest Abanca 2022, a cal se leva a cabo desde hoxe ata o sábado no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).
Este proxecto de innovación do Grupo Operativo Acrema persegue mellorar a produtividade das masas de Pinus Pinaster e Pinus Radiata mediante a integración dun aproveitamento de resina innovador que permita obter bio produtos de alto valor engadido como complemento á produción de madeira de calidade ao mesmo tempo que se mantén a sustentabilidade da masa.
Neste Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións. Unha delas foi para a solución intelixente Timbermatic Maps e Timbermanager, que permite aos operadores e contratistas ver o progreso da explotación forestal en tempo real, podendo saber en todo momento a evolución dos traballos, canta madeira hai cortada e canta hai para sacar, o que facilita a organización e loxística. Foi presentada pola empresa Guifor.
A outra mención recaeu no cabezal talador direccional IGSA TCD 400, presentado por Industrias Guerra, o cal permite aumentar a produtividade reducindo custos. Con dimensións e peso reducido, está orientado para montar en pequenas máquinas sobre rodas e facilitar así o desprazamento, ademais de contar coa posibilidade de orientar o cabezal marcando a dirección do talado e mantendo a máquina fixa.
Os premios foron entregados esta tarde polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández; e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, quen estiveron acompañados de parte dos membros do xurado.
Ao concurso, co cal a Feira Internacional de Galicia ABANCA pretende contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal, presentáronse catorce innovacións destinadas a achegar melloras ao sector forestal e a optimizar os seus recursos.
Todas estas novidades e tamén moitas outras presentadas polas empresas participantes nesta edición móstranse na área de exposición do monográfico.
Avaliadas por 10 expertos
As innovacións participantes foron examinadas esta mañá por un xurado conformado por dez expertos pertencentes a outras tantas institucións e entidades. Foron Gustavo Álvarez, coordinador de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural; Odón López, xefe de servizo de Xestión Forestal da Dirección Xera de Planificación e Ordenación Forestal; Gonzalo Piñeiro, técnico do CIS MADEIRA – Axencia Galega da Industria Forestal (XERA); Joaquín García, técnico de Departamento de Xestión da Innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia (FEARMAGA); Sergio Frade, técnico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; José Manuel Feito, enxeñeiro forestal e profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; Patricia González, xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; Alfredo Fernández, enxeñeiro forestal do Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia; e Óscar González, profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra – Universidade de Vigo.
Ver + Fotos de Galiforest Abanca 2022