Medio Rural salienta a importancia do sector forestal galego a nivel nacional e internacional na VII feira Galiforest Abanca

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • A conselleira participou esta mañá na inauguración deste evento, que está consolidado como o maior certame forestal do país
  • María José Gómez destacou que Galicia é a novena potencia forestal de Europa, líder neste eido a nivel nacional e produce anualmente máis de 11 millóns de metros cúbicos de madeira
  • Salientou que o seu departamento seguirá afondando nun rural produtivo e coidado a través de ferramentas como o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, o futuro anteproxecto de Lei de montes veciñais en man común ou novo Mapa de Usos Agroforestais

Boqueixón (A Coruña), 27 de xuño de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José González, participou esta mañá na inauguración da VII Feira Galiforest Abanca, celebrada no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. Durante a súa intervención destacou que este evento, consolidado como o maior certame forestal do país, é unha ocasión idónea para “celebrar o sector forestal que tanto nos define e que tanta riqueza e emprego xera na nosa comunidade”.

Galicia sitúase como a novena potencia forestal de Europa. A nosa comunidade é líder no sector a nivel nacional e produce anualmente máis de 11 millóns de metros cúbicos de madeira. A conselleira expuxo que o rural galego “defínese pola súa cor verde”, debido a que a comunidade conta con case un millón e medio de hectáreas de bosques, e o 22% do valor produtivo da superficie forestal de España está no noso territorio.

Ao acto tamén asistiron o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, o secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Javier Abad; e os directores xerais de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; e o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

Neste sentido, e co fin de seguir afondando nun rural produtivo e coidado, naceu o Plan Forestal 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” co fin de ordenar e xestionar os nosos montes. De cara o futuro, Gómez resaltou que a vontade da Consellería é presentar “canto antes” o anteproxecto da Lei de montes veciñais en man común para poder avanzar na ordenación forestal a través do respecto á propiedade.

Xunto co Inventario Forestal Continuo, o Goberno autonómico está a traballar no desenvolvemento do Mapa de Usos Agroforestais de Galicia, que se aprobará neste 2024. Segundo explicou María José Gómez, o mapa “permitirá acceder a unha foto exacta dos usos actuais dos diferentes terreos, que actuarán de base e referencia para planificar outras actuacións”. Ademais, terá asociado un visor web que estará dispoñible para o público xeral.

Seguindo esta liña, puxo de relevo o Plan estratéxico e xestión das masas de coníferas que se está a formular e a recentemente aprobada Estratexia para a xestión activa das masas de frondosas, como dúas pancas de acción para afondar na mellora deste sector.

+ Fotos de Galiforest