As demostracións en vivo de maquinaria e sistemas forestais intensifícanse na feira Galiforest Abanca 2024, con cerca de duascentas

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTAS EXHIBICIÓNS PERMITIRÁN AOS EXPOSITORES MOSTRAR OS SEUS PRODUTOS EN FUNCIONAMENTO E AOS VISITANTES COMPROBAR AS SÚAS PRESTACIÓNS
  • TERÁN LUGAR NO MONTE DO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN), UN LUGAR REAL DE TRABALLO ONDE SE DESENVOLVERÁ ESTE MONOGRÁFICO FORESTAL DO 27 AO 29 DE XUÑO

Silleda, 23 de xuño de 2024.- A sétima edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 27 ao 29 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), acollerá numerosas exhibicións de maquinaria e sistemas que se repetirán en distintas ocasións ao longo dos tres días do certame, sumando en total preto de duascentas. Unha cifra que supera as 180 que se levaron a cabo na pasada edición, celebrada en 2022.

Nunha zona do monte habilitada para iso ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realizaranse exhibicións de, entre outras, procesadoras forestais e de leña, astilladoras de troncos, serradoiros portátiles,  trituradoras, biotrituradoras de restos vexetais e de poda, raxadoras, manipuladoras, motoserras, sistemas automáticos de bloqueo e liberación de estacas, tensores automáticos, robots desbrozadores e robots segadores, simuladores de maquinaria forestal, básculas para guindastres forestais e solucións innovadoras para plantación mecanizada, loita contra incendios, maquinaria especializada e análise de datos a través de conexión remota.

Así mesmo, levaranse a cabo demostracións de traballos en altura, técnicas de preparación de gazas, tableado de tronco de serradoiro, limpeza e reciclaxe de cadros, experimentación con cepas de alnus glutinosa resistentes a phytophthora alni no río, cultivo de shitake, pleurotus ostreatus e ganoderma lucidum en ecolóxico, extracción de resina con diferentes métodos, recollida de resina para ensaios de microresinación, análises de calidade do mel, elaboración de velas con cera reciclada e de xabóns con produtos da colmea, fabricación de alimento sólido para abellas, ferramentas para descorche de sobreira ou inoculación de micelio en palla.

Estas demostracións, ás cales se poden sumar aínda algunhas máquinas e entidades máis, serán a cargo das empresas e entidades Aroz Berri, Foresin, Hitraf, Hispano Japonesa de Maquinaria (HJM), Iberfores, J.J.E. Hernández – Hersan Wood-Mizer España, Millasur, Murat, Forest Pioneer e Husqvarna, ademais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

A realización destas demostracións de maquinaria e sistemas forestais nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden mostrar o funcionamento das súas máquinas e sistemas, como para os visitantes profesionais, os cales teñen a posibilidade de comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño da súa actividade.

Exhibicións máis lúdicas

Por outra banda, o programa de Galiforest Abanca 2024 acollerá outras exhibicións máis lúdicas, como figurismo (tallado e realización de esculturas en madeira con motoserra) ou espectáculos de trepa. Tamén se desenvolverán ao longo dos tres días deste monográfico, o cal está organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia.