A feira Galiforest Abanca 2026 premiará as novas tecnoloxías e procesos que están transformando o sector forestal

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SERÁ NUN CONCURSO AO QUE CONCORRERÁN NOVIDADES PRESENTADAS POLOS EXPOSITORES DO CERTAME E CUXOS GALARDÓNS SE ENTREGARÁN NA XORNADA INAUGURAL
  • ESTE MONOGRÁFICO CELEBRARASE DO 2 AO 4 DE XULLO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DE SERGUDE (BOQUEIXÓN, A CORUÑA)

Silleda, 15 de xuño de 2026.- A oitava edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, que se levará a cabo do 2 ao 4 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón, A Coruña) volve recoñecer a innovación forestal.

Será a través do seu VIII Concurso de Innovación Tecnolóxica “Galiforest Abanca 2026”, o cal distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polas súas melloras en deseño, calidade de traballo e prestacións, entre o conxunto que realizan o mesmo proceso.  A Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do certame co apoio da Xunta de Galicia, pretende así contribuír á promoción da I+D+i no sector forestal.

Poden presentarse a este Concurso produtos, bens ou elementos, equipos e instalacións, sistemas e métodos, tecnoloxías, programas e tamén servizos. O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.

As novidades que concorren a este Concurso de Innovación serán presentadas por empresas e entidades participantes no certame, polo que poden verse na súa área expositiva durante os tres días de celebración do monográfico.

O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2026 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 2 de xullo.

Premiados na pasada edición

Na anterior cita, celebrada no ano 2024, o Premio de Innovación foi para un cabrestante móbil de tracción “T-Winch” de Ecoforst, presentado pola empresa Hitraf, unha máquina auxiliar deseñada para outorgarlle seguridade e suxeición tanto á máquina coa que se traballa como ao operario forestal, a cal destacaba por maximiza o factor de seguridade en terreos difíciles, minimizar os danos do chan e tamén pola súa versatilidade para adaptala a diferentes tipos de maquinaria forestal.

Ademais, concedéronse tres mencións. A Mención I recaeu nas luvas anticorte e antivibración clase 2, presentados por Pattones Robert´s, destinados a labores de poda e roza a nivel profesional e caracterizados por puño elástico, peche de velcro, sete capas de tecido anticorte e reforzo especial de almofada antivibración. A Mención II foi para RoboPlus, un portaferramentas teledirixido deseñado para operar nas áreas máis difíciles e pendentes de ata 55º que era a primeira máquina radiocontrolada do mundo con motor Stage V de 100 CV, a cal foi presentada por Murat – Energreen. A Mención III foi concedida á procesadora taladora de eucalipto e piñeiro presentada por Forest Pioneer, un novo segmento de procesadora/taladora made in Galicia que tecnicamente se achegaba a unha máquina Premium propiamente forestal e economicamente asimilábase ao prezo dunha escavadora de Obra Pública.