A feira Galiforest Abanca 2024 volverá premiar a I+D+i no sector forestal

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SERÁ NUN CONCURSO AO QUE CONCORRERÁN NOVIDADES PRESENTADAS POLOS EXPOSITORES DO CERTAME E CUXOS GALARDÓNS SE ENTREGARÁN NA XORNADA INAUGURAL
  • ESTE MONOGRÁFICO CELEBRARASE DO 27 AO 29 DE XUÑO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN, A CORUÑA)

Silleda, 6 de xuño de 2024.- A sétima edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, que se levará a cabo do 27 ao 29 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón, A Coruña) volve recoñecer a innovación forestal.

Será a través do seu VII Concurso de Innovación Tecnolóxica “Galiforest Abanca 2024”, o cal distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións, de entre o conxunto que realizan o mesmo proceso. A Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do certame co apoio da Xunta de Galicia, pretende así contribuír á promoción da I+D+i no sector forestal.

Poden presentarse a este Concurso produtos, bens ou elementos, equipos e instalacións, sistemas e métodos, tecnoloxías, programas e tamén servizos. O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.

As novidades que concorren a este Concurso de Innovación serán presentadas por empresas e entidades participantes no certame, polo que poden verse na súa área expositiva durante os tres días de celebración do monográfico.

O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2024 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 27 de xuño.

Premiados na pasada edición

Na anterior cita do certame, celebrada no ano 2022, o primeiro premio foi para un método de extracción de resina que perseguía mellorar a produtividade das masas de Pinus Pinaster e Pinus Radiata mediante a integración dun aproveitamento resineiro innovador que permitise obter bio produtos de alto valor engadido como complemento á produción de madeira de calidade ao mesmo tempo que se mantén a sustentabilidade da masa, presentado por Sinergias Sostenibles Resinforest (Foresin).

Pola súa banda, unha das mencións recaeu na solución intelixente Timbermatic Maps e Timbermanager, que permite aos operadores e contratistas ver o progreso da explotación forestal en tempo real, podendo saber en todo momento a evolución dos traballos, canta madeira hai cortada e canta hai para sacar, presentada pola empresa Guifor. A outra mención foi para o cabezal talador direccional IGSA TCD 400 de Industrias Guerra, o cal, con dimensións e peso reducido, está orientado para montaxe en pequenas máquinas sobre rodas e facilita o desprazamento, ademais de contar coa posibilidade de orientar o cabezal marcando a dirección do talado e mantendo a máquina fixa.