A feira forestal Galiforest Abanca volve superarse e arranca mañá coa súa mellor edición: 107 expositores directos, 15.306 metros e 200 demostracións

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SERÁ ADEMAIS A SÚA CITA MÁIS INTERNACIONAL TANTO EN NÚMERO DE EMPRESAS ESTRANXEIRAS PRESENTES DIRECTAMENTE COMO EN PAÍSES REPRESENTADOS POR ESTAS
  • O CERTAMEN QUE SERÁ INAUGURADO ÁS 12.00 HORAS POLA CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL, MARÍA JOSÉ GÓMEZ, CELEBRARASE ATA O SÁBADO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN, A CORUÑA)

Silleda, 26 de xuño de 2024.- O monográfico forestal Galiforest Abanca 2024 arrinca mañá no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón, A Coruña). Será a sétima edición deste certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia e que será inaugurado ás 12.00 horas pola Conselleira do Medio Rural, María José Gómez.

Galiforest Abanca 2024, que se estenderá ata o vindeiro sábado, contará con 107 expositores directos (un 11,4% máis que en 2022) de 7 países (un 40% máis que na anterior cita). Deles, 11 son internacionais de Portugal, Francia, Italia, Brasil, Letonia e República Checa, un 10% máis que en 2022. Cifra que supón que sexa a súa edición máis internacional tanto no que se refire a número de expositores directos estranxeiros como a países representados por estes.

Estes expositores directos sumados aos representados supoñen 360 firmas expositoras de 28 países (un 7,6% máis de países representado respecto a 2022) e ocupan unha superficie de 15.306 metros cadrados (un 11,5% máis que entón).

Unhas cifras que converten a presente edición de Galiforest Abanca na maior celebrada ata o momento en superficie e empresas presentes e consolídana como a maior feira forestal de España.

A esta gran exposición unirase un interesante programa de actividades para conformar unha ambiciosa proposta que converterá a Galiforest Abanca 2024 nun efectivo centro de negocio forestal e un atractivo escaparate das últimas novidades do sector. Todo iso na mellor localización posible, un monte que permite aos expositores realizar demostracións da maquinara exposta e aos visitantes ver o seu funcionamento sen renunciar a unha boa comunicación, fácil acceso e excelentes infraestruturas. Un lugar real de traballo que constitúe a razón de que o evento se celebre fose das instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Demostracións e innovación

No programa de actividades da feira destacará un gran número exhibicións de maquinaria, sistemas e procesos forestais. Estas repetiranse en distintas ocasións ao longo dos seus tres días e sumarán preto de 200 demostracións, as cales tamén supoñen a maior cifra ata o momento ao superar as 180 da súa pasada cita.

Nunha zona do monte habilitada para iso ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realizaranse, entre outras, demostracións de procesadoras forestais e de leña, astilladoras de troncos, serradoiros portátiles,  trituradoras, biotrituradoras de restos vexetais e de poda, raxadoras, manipuladoras, motoserras, sistemas automáticos de bloqueo e liberación de estacas, tensores automáticos, robots desbrozadores e robots segadores, simuladores de maquinaria forestal, básculas para guindastres forestais e solucións innovadoras para plantación mecanizada, loita contra incendios, maquinaria especializada e análise de datos a través de conexión remota. Así mesmo, levaranse a cabo demostracións de traballos en altura, técnicas de preparación de gazas, tableado de tronco de serradoiro, limpeza e reciclaxe de cadros, experimentación con cepas de alnus glutinosa resistentes a phytophthora alni no río, cultivo de shitake, pleurotus ostreatus e ganoderma lucidum en ecolóxico, extracción de resina con diferentes métodos, recollida de resina para ensaios de microresinación, análises de calidade do mel, elaboración de velas con cera reciclada e de xabóns con produtos da colmea, fabricación de alimento sólido para abellas, ferramentas para descorche de sobreira ou inoculación de micelio en palla.

Ademais, a feira acollerá outras exhibicións máis lúdicas, como figurismo (tallado e realización de esculturas en madeira con motoserra) ou espectáculos de trepa.

Por outra banda, Galiforest Abanca 2024, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebra de novo o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorren 21 novidades, un 50% máis que na pasada edición, as cales serán avaliadas no certame por un xurado formado por expertos pertencentes a distintos ámbitos e cuxos galardóns serán entregados mañá.

Premiaranse aquelas novidades que destaquen por achegar melloras ao sector forestal e optimizar os seus recursos, presentándose nesta ocasión a análise dunha tala de eucalipto no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas e xestión da maquinaria neste espazo, o deseño e implantación dun sistema de electrificación de mini pa para traballos forestais, unha experimentación de campo para a loita da phytophthora alni en alnus glutinosa, unha trituradora de alto rendemento, unha trituradora de biomasa e reciclaxe, un equipo autónomo de plantación e fertilización mecanizada de eucalipto, un equipo subsolador e fertilizador con guiado GPS para plantación de eucalipto, unha procesadora/taladora de cadeas, un sistema retráctil de contracoitela, un cabestrante móbil de tracción, unha motoserra a batería con embrague de cadea, unha nova serie de procesadoras, unha rozadora versátil, unha máquina autopropulsada multifunción con brazo telescópico, unha máquina portaferramentas radiocontrolada, luvas anticorte e antivibración clase 2, unha podadora de pértega telescópica a batería, unha bota profesional de motoserrista, un EPI con protección anticorte e certificado para extinción de incendios, unha retroescavadora cargadora e unha escavadora con folla dozer orientable.

Por outra banda, sumaranse ao programa da feira dúas propostas centradas no sector da biomasa, a xornada “Certificación da sustentabilidade da biomasa” e os Premios Biomasa Galega 2024