- SERÁ TAMÉN A SÚA CITA MÁIS INTERNACIONAL, CUN 11,2% DE EMPRESAS ESTRANXEIRAS PRESENTES DIRECTAMENTE NO CERTAME, O CAL SE CELEBRA DENDE MAÑÁ ATA O SÁBADO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DE SERGUDE (BOQUEIXÓN, A CORUÑA)
- ADEMAIS DA SÚA AMPLA ÁREA EXPOSITIVA, CONTARÁ CUN DINÁMICO PROGRAMA CON 200 DEMOSTRACIÓNS CONTINUADAS DE MAQUINARIA, O SEU CONCURSO DE INNOVACIÓN E O II SIMPOSIO IBÉRICO DE SILVICULTURA, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS
Silleda, 1 de xullo de 2026.- O monográfico forestal Galiforest Abanca 2026 arrinca mañá no monte do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón, A Coruña). Será a oitava edición deste certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA co apoio da Xunta de Galicia, a cal alcanza cifras récord a todos os niveis.
Así, ata o vindeiro sábado, contará con 125 expositores directos (un 17% máis que na súa anterior cita) de 8 países (un 14% máis). Deles, 14 son internacionais de Portugal, Italia, Brasil, Letonia, República Checa, Romanía e Países Baixos (un 27,2% máis). Cifra que supón que sexa a súa edición máis internacional tanto no que se refire a número de expositores directos estranxeiros, cun 11,2% do total presente na feira, como a países representados por estes.
Estes expositores directos sumados aos representados supoñen 387 firmas expositoras (un 7,5% máis) de 31 países (un 10,7% máis) e ocupan unha superficie de 18.164 metros cadrados (un 18,6% maior).
Unhas cifras que converten esta edición na maior celebrada ata o momento a todos os niveis, desde firmas e empresas presentes ata superficie e carácter internacional. Ademais, consolídana como a maior feira forestal de España.
A esta gran exposición unirase un interesante programa para conformar unha ambiciosa proposta que converterá a Galiforest Abanca 2026 nun efectivo centro de negocio e un atractivo escaparate das últimas novidades. Todo iso na mellor localización posible, un monte que permite realizar e ver demostracións da maquinara exposta sen renunciar a unha boa comunicación, doado acceso e excelentes infraestruturas. Un lugar real de traballo que constitúe a razón de que o evento se celebre fóra das instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Demostracións, innovación e simposio
No programa destacará un gran número exhibicións de maquinaria, sistemas e procesos forestais, as cales sumarán 200. Nunha zona do monte habilitada ou nas propias parcelas dos expositores, realizaranse demostracións, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, raxadoras, serradoiros portátiles de troncos, trituradoras compactas e de gran volume, cabestrantes, manipuladoras telescópicas, sistemas automáticos de bloqueo e liberación de estacas, tensores automáticos de estacas, robots desbrozadores e segadores (algúns con autocontrol), básculas para guindastres forestais, simuladores de procesadoras forestais, guindastres robotizadas e consolas para este tipo de guindastres, biotrituradoras, rozadoras de control remoto, equipos de pulverización de graxa, cargadoras de cadeas con trituradora forestal ou minicargadoras. Engadiranse demostracións de motoserras, de corte en altura, cambio de aceite a un motor co sistema fast oil, arte floral, instalacións de xardíns verticais ou preparación de mostras polínicas de distintos meles.
Ademais, haberá exhibicións máis lúdicas, talleres, probas de produto e exposicións, podendo participar os visitantes nalgunhas delas cos debidos equipos de seguridade. Así, están programados espectáculos e demostracións de talla de madeira e de realización de esculturas con motoserra, probas de motoserras profesionais e exhibicións do coñecido como Deporte da Madeira. E aínda se sumarán algunhas exposicións, como a dedicada á vida na colmea ou á mostra de ecoesferas, e tamén talleres, como o de enxertos.
Por outra banda, Galiforest, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebra de novo o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorren dezaoito novidades que serán avaliadas no certame por un xurado formado por expertos pertencentes a distintos ámbitos e cuxos galardóns serán entregados mañá.
Premiaranse aquelas novidades que destaquen por achegar melloras ao sector forestal e optimizar os seus recursos, presentándose nesta ocasión dúas aplicacións, unha delas para proporcionar acceso a información esencial para a xestión sostible dos bosques e outra para o rexistro de terreos forestais de xeito sinxelo e preciso; tamén inventarios forestais de alta resolución con voo de drons, un proxecto de revalorización da cortiza de eucalipto como substrato de cultivo para a substitución da turba, un sistema de conectividade forestal intelixente para reducir paradas e mellorar a produtividade, un vibrador de tronco para piñas, un control intelixente de cabezal procesador, o primeiro vehículo multifunción deseñado integramente para mantemento de estradas e seguridade viaria, un guindastre forestal robótica, intelixente e conectada, o único porta-ferramentas radiocontrolado de oruga capaz de traballar en pendentes de ata 61º; a primeira máquina autopropulsada multifunción capaz de realizar tanto labores de prevención como de extinción de incendios forestais, un brazo telescópico para rozas e limpeza en zonas de difícil acceso, a primeira máquina autopropulsada multifuncional da súa categoría que certifica a protección na cabina fronte á penetración de obxectos forestais, un cubatore para pinza forestal que mide o diámetro e pesa o tronco directamente desde a pinza, un equipo de tractor e rozadora con gran sinerxía operativa, unha escavadora con maior eficiencia e produtividade xunto con potencia e velocidade aumentadas, calzado de seguridade máis material máis lixeiro e ignífugo e tamén unha gama de produtos para evitar golpes de calor a través de tecidos técnicos.
Sumarase ao programa da feira o II Simposio Ibérico de Silvicultura (II SIS), o cal constituirá un encontro esencial para todos aqueles interesados en saber cara a onde avanza o futuro do sector forestal. Conformará un espazo estratéxico ao reunir a profesionais, investigadores, empresas, asociacións, propietarios forestais, estudantes, administracións públicas e responsables políticos que abordarán temas que están a marcar a evolución do sector, como silvicultura resiliente, mellora xenética, innovación aplicada ao monte, novas tecnoloxías, produtividade forestal e transferencia de coñecemento entre ciencia, industria e territorio.









