- ADEMAIS, TIVO LUGAR UNHA XORNADA SOBRE CERTIFICACIÓN DE SUSTENTABILIDADE NESTE ÁMBITO
- O CERTAME ESTASE CELEBRANDO DENDE ONTE E ATA MAÑÁ NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN, A CORUÑA)
Silleda, 28 de xuño de 2024- A sétima edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebra desde onte e ata o mañá no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), conta cun completo programa de demostracións ao que hoxe se sumaron dúas propostas centradas no sector da biomasa.
Así, o certame acolleu esta mañá a primeira edición dos Premios Biomasa Galega, organizados polo Clúster da Biomasa de Galicia. O seu presidente, Francisco Álvarez, foi o encargado de dar a benvida ao acto, mentres o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, clausurou esta cita.
Durante o seu transcurso entregouse o Premio á Traxectoria Investigadora na Biomasa a Luis Ortiz Torres; o de Descarbonización da Industria Agrogandeira á empresa Nutrimentos Deza (Nudesa), o de Descarbonización da Industria Alimentaria á Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa), o Premio á Traxectoria Empresarial no Campo da Calefacción con Biomasa a José Carlos Alonso, da empresa Ecoforest; o premio á Aposta pola Biomasa na Administración Local ao Concello de Portas, o Premio á Aposta pola Biomasa na Administración Autonómica á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e o Premio ao Impulso sectorial da Biomasa por parte da Administración a todo o equipo da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), representado polo seu director, Jacobo Aboal, Mercedes Rois e Isabel Puentes. Ademais, entregouse o Recoñecemento e Presidencia Honorífica do Clúster da Biomasa a José Ignacio Lema Piñeiro.
Xornada técnica
Previamente á entrega de premios tivo lugar unha xornada sobre a certificación da sustentabilidade da biomasa, organizada polas Asociación Española da Biomasa (Avebiom) e o Clúster da Biomasa de Galicia.
Durante o seu transcurso informouse sobre SURE, o sistema europeo líder en certificación da sustentabilidade da biomasa e mostráronse exemplos prácticos da súa implantación en diferentes tipos de empresas do sector. E os encargados de facelo foron Pablo Rodero, responsable de Certificación de Avebiom; Santiago Monteiro, da empresa forestal Biomasas Forestais do Cantábrico; Francisco Álvarez, da fábrica de pellets Ecowarm, e Mauro Coucheiro, da central eléctrica con biomasa Greenalia.