Galiforest Abanca prepárase para converterse nun gran punto de encontro forestal do 30 xuño ao 2 de xullo

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin

A sexta edición do monográfico Galiforest Abanca volverá reunir ao mundo forestal do 30 de xuño ao 2 de xullo. Será, como é habitual, no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón, moi próximo a Santiago de Compostela.

Tras o seu aprazamento en 2020 debido á situación derivada da Covid-19, a Feira Internacional de Galicia ABANCA leva meses preparando unha gran cita que se abrirá a toda a cadea monte-industria e que poñerá en contacto durante tres días a empresas, institucións e profesionais.

A súa área expositiva contará con presenza das firmas máis importantes do sector, as cales mostrarán as súas últimas innovacións tecnolóxicas e novos proxectos. Así mesmo, o seu programa reforzará o número e interese das xornadas, con temas de actualidade que se someterán a debate por parte de destacados especialistas. Ademais, incorporará novas actividades que se sumarán a outras xa consolidadas, como as demostracións, os talleres e o seu recoñecido Concurso de Innovación.

Todo isto no mellor lugar posible, unhas instalacións que permitirán mostrar e ver o funcionamento da maquinaria exposta nun monte moi ben comunicado, con fácil acceso e excelentes infraestruturas.

Unha feira en crecemento

Galiforest Abanca experimentou desde os seus inicios unha moi boa progresión que se reflicte na súa última edición, celebrada en 2018, a cal foi a maior e máis internacional ata o momento. Participaron 254 firmas expositoras, un 40% máis que na anterior convocatoria, das cales 76 foron expositores directos, un 33% máis. Entre estes últimos triplicouse o número de empresas estranxeiras, o que permitiu que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo lle concedera á feira o selo de internacionalidade a efectos aduaneiros. En total os expositores ocuparon 11.875 metros cadrados netos, un 24% máis, e foron visitados por 5.600 profesionais do sector.

Unha evolución que converteu a Galiforest Abanca nun referente para o mundo forestal.