Expertos de catro países analizarán o futuro do sector forestal no II Simposio Ibérico de Silvicultura, enmarcado na feira Galiforest Abanca

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTA CITA REUNIRÁ A PROFESIONAIS, INVESTIGADORES, EMPRESAS, ASOCIACIÓNS, PROPIETARIOS DE MONTES, ESTUDIANTES, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E RESPONSABLES POLÍTICOS PARA ABORDAR OS TEMAS QUE ESTÁN MARCANDO A EVOLUCIÓN DESTE ÁMBITO
  • TERÁ LUGAR OS DÍAS 2 E 3 DE XULLO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 24 de xuño de 2026.- O monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebrará do 2 ao 4 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón), moi próximo a Santiago de Compostela, segue avanzando na organización da súa área expositiva e o seu programa de actividades.

Respecto a este último, nesta oitava edición destacará o II Simposio Ibérico de Silvicultura (II SIS), o cal constituirá un encontro esencial para todos aqueles interesados en saber cara onde avanza o futuro do sector forestal. Non en balde, conformará un espazo estratéxico de diálogo e coñecemento ao reunir en dúas xornadas a profesionais, investigadores, empresas, asociacións, propietarios forestais, estudantes, administracións públicas e responsables políticos ao redor dun obxectivo común, pensar e construír o futuro do sector desde a innovación e a xestión sostible.

Primeira xornada

Na súa primeira xornada, o día 2 de xullo, tras a apertura oficial e a posterior exposición por parte de Daniel Farias, de Máis Madeira, dos obxectivos do simposio, levaranse a cabo cinco conferencias. A primeira das intervencións titularase “Pancas para unha selvicultura activa e resiliente” e correrá a cargo de Arantza Pérez, da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón (ASPAPEL), para continuar con “A potencialidade dos híbridos de Eucalyptus e Corymbia para plantacións forestais en España”, de man de Teotônio Francisco de Assis, de Assistech Brasil.

A terceira das conferencias versará sobre “Manexo nutricional en sistemas forestais: impacto na produtividade e sustentabilidade”, e será Ronaldo Luiz Silveira, de RR Agroflorestal Brasil quen a aborde. Os dous últimos relatorios serán “Viveiros Ence Terra: planta adaptada a cada parcela” e “Viveiros Mañente: Max Verde – Un caso de éxito testado”, conducidas, respectivamente, por Federico Ruiz, de Ence Terra, e Santiago Rodal, de Viveiros Mañente. A xornada concluirá cunha mesa redonda na que participarán todos os relatores do día.

Segunda xornada

O día 3 de xullo este simposio comezará analizando o “O futuro das coníferas en Galicia” a través de tres relatorios. Neles Raquel Díaz, do Centro Agrario de Lourizán, falará sobre o programa de piñeiro pinaster e a resistencia ao nematodo; Jacobo Feijoo, da Fundación Arume expoñerá “Gopiña: propagación innovadora de coníferas”, mentres que Carlos Iglesias, de Finsa, fará o propio na intervención “Veta: modelo de xestión forestal compartida”.

A continuación, avaliarase a “Innovación xenética en eucalipto: o caso portugués” a través da experiencia de Raíz en mellora xenética do eucalipto ao servizo de Galicia, que debullará José Araújo, de Raíz, e tamén da mellora xenética do eucalipto como ponte entre Portugal e Galicia, que abordará Luis Fontes, de Altri Florestal.

As dúas últimas conferencias exporán a “Vangarda no melloramento forestal: do híbrido GloNi á edición xenómica libre de ADN”, por parte de Claudio Balocchi, de Arauco Chile; e tamén o “Programa de mellora xenética de Ence: adaptación evolutiva ao territorio”, de man de Carlos Tejedor, de Ence Terra.

De novo, unha mesa redonda cos relatores do día poñerá fin á xornada e ao II Simposio Ibérico de Silvicultura.

Inscrición

A asistencia ao II Simposio Ibérico de Silvicultura require inscrición previa, atopándose xa aberto o proceso de rexistro para todos aqueles profesionais e persoas interesadas en participar. As inscricións poden formalizarse a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/pVQttmKU2rw16f38A