A innovación forestal volve recoñecerse na feira Galiforest Abanca 2022

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SERÁ NUN CONCURSO AO QUE CONCORREN NOVIDADES PRESENTADAS POLOS EXPOSITORES DO CERTAME E CUXOS GALARDÓNS SE ENTREGARÁN NA XORNADA INAUGURAL
  • ESTE MONOGRÁFICO CELEBRARASE DO 30 DE XUÑO AO 2 DE XULLO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 17 de xuño de 2022.- A sexta edición do monográfico forestal  Galiforest Abanca, que se levará a cabo do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) volve recoñecer a innovación forestal.

Será a través do seu VI Concurso de Innovación Tecnolóxica “Galiforest Abanca 2022”, o cal distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións, de entre o conxunto que realizan o mesmo proceso.  A  Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do certame co apoio da Xunta de Galicia, pretende así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.

Poden presentarse a este Concurso produtos, bens ou elementos, equipos e instalacións, sistemas e métodos, tecnoloxías, programas e tamén servizos.

O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.

As novidades que concorren a este Concurso de Innovación serán presentadas por empresas e entidades participantes no certame, polo que poden verse na súa área expositiva durante os tres días de celebración do monográfico.

Entrega de premios

O Concurso concederá o Premio de Innovación  Galiforest Abanca 2022 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 30 de xuño.