A biomasa protagonizará en Galiforest Abanca a entrega dos primeiros premios galegos do sector e unha xornada sobre certificación de sustentabilidade

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin

TANTO OS GALARDÓNS, ORGANIZADOS POLO CLÚSTER DA BIOMASA DE GALICIA, COMO A CONFERENCIA, TERÁN LUGAR O SEGUNDO DÍA DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 27 AO 29 DE XUÑO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 24 de xuño de 2024- A sétima edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebra do 27 ao 29 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), sumará á súa área expositiva un programa de actividades no que destacarán as demostracións de maquinaria e procesos, o Concurso de Innovación da feira e tamén outras propostas centradas no sector da biomasa.

Así, o segundo día realizarase unha xornada sobre a certificación da sustentabilidade da biomasa, organizada polas Asociación Española da Biomasa (Avebiom) e o Clúster da Biomasa de Galicia no espazo que a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) ten na feira.

O seu obxectivo é informar sobre SURE, o sistema europeo líder en certificación da sustentabilidade da biomasa e mostrar exemplos prácticos da súa implantación en diferentes tipos de empresas do sector. E os encargados de facelo serán Pablo Rodero, responsable de Certificación de Avebiom; Santiago Monteiro, da empresa forestal Biomasas Forestales del Cantábrico; Francisco Álvarez, da fábrica de pellets Ecowarm, e Mauro Coucheiro, da central eléctrica con biomasa Greenalia.

Primeiros Premios Biomasa Galega

Galiforest Abanca 2024 acollerá ese mesmo día a primeira edición dos Premios Biomasa Galega, organizados polo Clúster da Biomasa de Galicia. O seu presidente, Francisco Álvarez, será o encargado de dar a benvida ao acto, mentres o director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, será quen o clausure.

Durante o seu transcurso entregarase o Premio á Traxectoria Investigadora na Biomasa a Luís Ortiz Torres; o de Descarbonización da Industria Agrogandeira á empresa Nutrimentos Deza (Nudesa), o de Descarbonización da Industria Alimentaria á Compañía Española de Algas Marinas (Ceamsa), o Premio á Traxectoria Empresarial no Campo da Calefacción na Biomasa a José Carlos Alonso, da empresa Ecoforest; o premio á Aposta pola  Biomasa na Administración Local ao Concello de Portas e o Premio á Aposta pola Biomasa na Administración Autonómica á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Ademais, entregarase o Recoñecemento e Presidencia Honorífica do Clúster da Biomasa a José Ignacio Lema Piñeiro.