O sector forestal xa ten data para o seu reencontro en Galiforest Abanca: do 2 ao 4 de xullo de 2026

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ASÍ O DECIDIU HOXE O COMITÉ ORGANIZADOR DESTA FEIRA, O CAL TAMÉN ANALIZOU OS RESULTADOS DA PASADA EDICIÓN, COINCIDINDO EN VALORALA COMO UN GRAN ÉXITO E DESTACANDO O SALTO ADIANTE QUE SUPUXERON AS SÚAS EXCELENTES CIFRAS
  • NA SÚA ÚLTIMA CITA, CELEBRADA O ANO PASADO, ESTE MONOGRÁFICO VOLVEU CONVERTERSE NO CERTAME DE REFERENCIA A NIVEL NACIONAL, CUNHA EDICIÓN RÉCORD TANTO EN FIRMAS E EXPOSITORES PRESENTES COMO EN SUPERFICIE OCUPADA E AFLUENCIA DE VISITANTES

Silleda, 16 de xullo de 2025.- O monográfico forestal Galiforest Abanca celebrará a súa oitava edición do 2 ao 4 de xullo de 2026 no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado no concello de Boqueixón (A Coruña).

Así o decidiu o seu Comité Organizador nunha reunión celebrada hoxe na Feira Internacional de Galicia ABANCA, entidade organizadora do certame. Ademais da elección de datas, tamén se analizaron os resultados da pasada edición. Sobre esta, todos os asistentes coincidiron en valorala como un gran éxito e destacar o salto adiante que supuxeron as súas cifras, as cales tamén se traducen nunhas excelentes perspectivas de crecemento.

Así mesmo, o Comité, determinante nesta excelente evolución da feira que a ten posicionado como referente do sector, abordou outros aspectos organizativos, como a promoción do certame ou o apartado de conferencias. Neste sentido, expúxose o propósito de celebran no marco desta cita o II Simposio Ibérico de Silvicultura, cuxa primeira edición se levou a cabo con éxito o pasado 26 de xuño, tamén no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

O encontro estivo presidido polo director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Alfredo Fernández, e contou coa participación de representantes de empresas e entidades con gran relevancia no sector forestal, como son a asociación galega promotora da certificación forestal PEFC Galicia, a Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, o Colexio Oficial de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, a Dirección Territorial de Comercio e Icex en Galicia, Viveiros Forestais Mañente, Recambios Frain, Industrias Guerra, Hitraf, Hispano Japonesa de Maquinaria, Guifor, Forest Pioneer, Finanzauto, Andreas Stihl e Abanca.

Unha feira que segue superándose

A última edición de Galiforest Abanca, a cal tivo lugar do 27 ao 29 de xuño do ano pasado, foi a maior celebrada ata o momento, superándose tanto en firmas e expositores presentes como en superficie e público asistente.