A quince días para a súa celebración a feira forestal Galiforest Abanca supera xa as súas mellores cifras de expositores e superficie

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • AÍNDA CO PRAZO DE COMERCIALIZACIÓN ABERTO E XESTIÓNS PENDENTES QUE PODEN AUMENTAR A PARTICIPACIÓN, CONTA CON MÁIS DE CEN EMPRESAS E ENTIDADES CONFIRMADAS, MENTRES QUE OS METROS CADRADOS SUPERAN OS QUINCE MIL
  • O EVENTO, QUE TERÁ LUGAR DO 27 AO 29 DE XUÑO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN), CONTINÚA ASÍ A SÚA EXCELENTE EVOLUCIÓN

Silleda, 12 de xuño de 2024- A Feira Internacional de Galicia ABANCA segue traballando intensamente na organización da sétima edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebrará do 27 ao 29 de xuño co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía e Industria. Será de novo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), moi próximo a Santiago de Compostela.

A quince días para a celebración da feira, aínda co prazo de comercialización aberto e xestións pendentes que poden aumentar a participación, conta xa con máis de 100 expositores directos confirmados, cando na pasada edición, celebrada en 2022, foran 96. Estas empresa e entidades, entre as que se atopan moitas das máis importantes do sector, ocuparán unha superficie neta que superará os 15.000 metros cadrados, cando na anterior convocatoria situábanse nos 13.726 metros cadrados.

Unhas cifras que non só superan ás da súa última convocatoria, senón que son as mellores deste monográfico ata o momento e reflicten tanto o amplo respaldo do sector como a súa consolidación como a maior feira forestal de España.

Deseño do seu programa

De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades, tanto dirixidas a profesionais como a outros perfís relacionados, entre eles os estudantes vinculados co sector.

Esta programación, que reforzarán o carácter do monográfico como punto de encontro sectorial, está a ser deseñado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA e o comité do certame. Demostracións continuadas de maquinaria, talleres formativos ou o seu Concurso de Innovación serán algunhas delas.