A feira Galiforest Abanca 2026 recoñecerá o talento innovador do sector forestal entre dezaoito propostas punteiras

  • SERÁ NUN CONCURSO AO QUE CONCORREN NOVIDADES PRESENTADAS POLOS EXPOSITORES E CUXOS GALARDÓNS SE ENTREGARÁN NA XORNADA INAUGURAL DO CERTAME, O CAL TERÁ LUGAR DO 2 AO 4 DE XULLO EN SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 30 de xuño de 2026.- O monográfico forestal Galiforest Abanca 2026, que se celebra do 2 ao 4 de xullo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón), recoñecerá novos proxectos do sector orientados á súa mellora. Será no seu Concurso de Innovación, que distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos que destaquen por deseño, calidade de traballo e prestacións.  A Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora co apoio da Xunta de Galicia, pretende así contribuír ao I+D+i no sector forestal.

O Concurso conta nesta edición con dezaoito innovacións en competición. Entre elas figuran dúas aplicacións móbiles presentados por 2BForest: ForestSIM Mobile, que proporciona acceso a información esencial para a xestión sostible dos bosques, reunindo mapas, datos de mercado, estatísticas, noticias e ferramentas interactivas nunha contorna móbil única e intuitivo, e tamén ForestCAD, que facilita o rexistro de terreos forestais de xeito sinxelo, rápido e preciso ao permitir delimitar propiedades en campo utilizando drons, equipos GPS e dispositivos móbiles, ademais de crear e editar polígonos xeorreferencidos, traballar sen conexión ou exportas resultados. Ademais, preséntanse os inventarios forestais de alta resolución de Aerobur Sistemas – Fundación Cesefor, con voos con drons para capturar, procesar e entregar datos forestais precisos, integrables e listos para tomar decisións, co diferencial do escaneo aéreo sobre copa e baixo copa e vantaxes como alta resolución espacial, precisión submétrica ou visualización 3D.

Súmase o proxecto de revalorización da cortiza de eucalipto como substrato de cultivo para a substitución da turba, presentado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) ante a crecente limitación normativa do uso desta última como substrato de cultivo e a necesidade de atopar materiais alternativos homoxéneos e con gran volume de fabricación. Tamén Forest Pioneer concorre co sistema FPlink, conectividade forestal intelixente para reducir paradas e mellorar a produtividade, xa que está deseñado para monitorización, control e xestión analítica da maquinaria forestal de calquera marca, conectando cabina e oficina e permitindo o seguimento do parque.

Pola súa banda Fravizel concursa co vibrador de tronco para piñas Gravity, que aumentar a produtividade, reduce custos e mellorar a seguridade dos operadores na recolección, cunha vibración controlada que favorece a caída das piñas maduras cun menor impacto sobre a árbore, ademais da súa versatilidade ou redución de tempos de operación. Guifor Noroeste faino co seu control intelixente de cabezal procesador IHC, un sistema que automatiza a presión que as coitelas de desrame exercen sobre a árbore, con beneficios como excelente calidade do desrame, ausencia de penetración e descortezamento da árbore, precisión na medición ou aforro de combustible.

Engádese o vehículo multifunción VSV marca Noremat, o primeiro deseñado e fabricado integramente para o mantemento de estradas e seguridade viaria, presentado por Hitraf, o cal é capaz de traballar con tres ferramentas diferentes de forma simultánea e está equipado cos sistemas de redución de consumo de combustible Variactive, Forsactive e Jumbox. Así mesmo, Industrias Guerra presenta un guindastre forestal robótico, intelixente e conectado que xorde como como resposta á alta dependencia de operadores cualificados na maquinaria actual, elevada sinistralidade e escasa conectividade, implementando tecnoloxías baseadas en sistemas ciberfísicos, Internet das Cousas (IoT) e análise avanzada de datos.

Pola súa banda Murat presenta catro innovacións: o RoboCompact, o único porta-ferramentas radiocontrolado de orugas con motor diésel Kubota de 25 CV refrixerado por líquido capaz de traballar en pendentes de ata 61°; a ILF Kommunal con depósito contra incendios de 3.500 litros, a primeira máquina autopropulsada multifunción capaz de realizar tanto labores de prevención como de extinción de incendios forestais mediante implementos intercambiables; o brazo telescópico Trimmy para rozas, podas e limpeza de carreiros, canles e noiros de difícil acceso sen expoñer ao operario a ningún risco, axustado ao robot radiocontrolado RoboFifti, e tamén o sistema de seguridade OPS en autopropulsada ILF Kommunal, a primeira máquina autopropulsada multifuncional da súa categoría que certifica a protección na cabina fronte á penetración de obxectos forestais como troncos, ramas, cables ou pezas de maquinaria.

Serex concorre con Il Cubatore para pinza forestal, que mide o diámetro e pesa o tronco directamente desde a pinza grazas ao innovador sensor montado no pistón, permitindo a un só operario medir e rexistrar datos durante operacións de carga e descarga, aforrando tempo e aumentando produtividade. Ademais, Talleres Gándara Maquinaria Agrícola presenta o equipo de tractor LS MT3.60 e rozadora articulada Hidrasam Luisiana 1500, cuxa novidade radica na súa sinerxía: a estabilidade contra envorcos e precisión en marchas súper lentas do tractor é a plataforma motriz idónea para que a rozadora, grazas á súa arquitectura articulada e sistemas de desprazamento, limpe en zonas orograficamente críticas.

Talleres Turquino presenta a súa escavadora Kobelco SK 165 SRLC para contornas forestais, cuxas prestacións ofrecen redución de ruído, deseño de alta resistencia, plataforma hidráulica multifunción, ecosistema dixital para monitorización e seguimento ou seguridade avanzada. Para rematar, Tocarama concorre con dous produtos dirixidos aos profesionais do sector forestal e a extinción de incendios forestais: o calzado de seguridade Kielder 106908, o cal se caracteriza por substituír nas solas o pesado caucho nitrilo por un material máis lixeiro e igualmente ignífugo que recorta ao par de botas un peso aproximado de 450 gramos, e tamén a nova gama de produtos para evitar golpes de calor que a través de tecidos técnicos son capaces de reter as moléculas de auga e arrefrialas de xeito instantáneo, mesmo se se mollan con auga quente

Galardóns

O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2026 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 2 de xullo.