A vertente máis dinámica da feira Galiforest Abanca 2026 programa 200 demostracións de maquinaria e sistemas forestais

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • PERMITIRÁN AOS EXPOSITORES MOSTRAR OS SEUS PRODUTOS EN FUNCIONAMENTO E AOS VISITANTES COMPROBAR A SÚAS PRESTACIÓNS
  • EXHIBICIÓNS, TALLERES E PROBAS DE PRODUTO SUMARANSE AO PROGRAMA DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 2 AO 4 DE XULLO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 29 de xuño de 2026.- A oitava edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 2 ao 4 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón), acollerá numerosas demostracións de maquinaria e sistemas que se repetirán en distintas ocasións ao longo dos tres días do certame, sumando ao redor de 200 demostracións.

A súa realización nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden mostrar o funcionamento dos seus produtos, como para os visitantes profesionais, os cales teñen a posibilidade de comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño da súa actividade.

Nunha zona do monte habilitada para iso ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realizaranse demostracións, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, raxadoras, serradoiros portátiles de troncos, trituradoras compactas e de gran volume, cabestrantes, manipuladoras telescópicas, sistemas automáticos de bloqueo e liberación de estacas, tensores automáticos de estacas, robots desbrozadores e segadores (algúns con autocontrol), básculas para guindastres forestais, simuladores de procesadoras forestais, guindastres robotizadas e consolas para este tipo de guindastres, biotrituradoras, rozadoras de control remoto, equipos de pulverización de graxa, cargadoras de cadeas con trituradora forestal ou minicargadoras.

Sumaranse demostracións de motoserras, de corte en altura, cambio de aceite a un motor co sistema fast oil vs cambio de aceite tradicional, arte floral, instalacións de xardíns verticais ou preparación de mostras polínicas de distintos meles.

Estas demostracións, ás cales se poden sumar aínda algunhas máquinas e entidades máis, serán a cargo das empresas Aroz Berri, Axion Stocks Service, Cardelle Hidráulica, Ence, Europa Parts, Grupo Torneiro, Hitraf, Husqvarna, Iberfores, Industrias Guerra, Internaco, J.J.E. Hernández – Hersan Wood-Mizer España, Millasur, Murat, Rodicar, Svmac, Talleres Turquino e Green Mowers, ademais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Exhibicións, talleres e probas de produto

Por outra banda, o programa de Galiforest Abanca 2026 acollerá exhibicións máis lúdicas, talleres, probas de produto e exposicións, podendo participar os visitantes nalgunhas delas cos debidos equipamentos de seguridade.

Así, haberá espectáculos e demostracións de talla de madeira e de realización de esculturas con motoserra por parte de Husqvarna, Phil Nobel, Emak e Sthil. Esta última permitirá ademais realizar probas de motoserras profesionais e tamén programará exhibicións do coñecido como deporte da madeira “Stihl® Timbersports® Series”, nas cales se desenvolverán as distintas modalidades deste deporte, que son corte de tronco en vertical e horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo.

Así mesmo, de man do Agacal haberá algunhas exposicións, como a dedicada á vida na colmea ou á mostra de ecoesferas, e tamén talleres, como o de enxertos.