- O ESPAZO OCUPADO ATA O MOMENTO ASCENDE A 17.247 METROS CADRADOS SE BEN SE ESPERA QUE MEDRE AÍNDA MÁIS, XA QUE CONTINÚA O PRAZO DE COMERCIALIZACIÓN E HAI XESTIÓNS ABERTAS CON EMPRESAS
- O EVENTO, QUE TERÁ LUGAR DO 2 AO 4 DE XULLO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN), CONTINÚA ASÍ A SÚA EXCELENTE PROGRESION
Silleda, 29 de abril de 2026.- A Feira Internacional de Galicia ABANCA segue traballando intensamente na organización da oitava edición do seu monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebrará do 2 ao 4 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), moi próximo a Santiago de Compostela.
Unha cita que, a dous meses para a súa celebración, superou xa a maior superficie alcanzada pola feira desde a súa posta en marcha ao contratarse ata o momento 17.247 metros cadrados, un 12,6% máis que a cifra que tamén supuxera un récord na anterior edición, 15.306 metros cadrados.
Un espazo que asegura unha ampla mostra de produtos e novidades e que se espera que medre, xa que o prazo de comercialización aínda está aberto. Do mesmo xeito que o número de expositores, que con toda probabilidade se superarán, dadas as cifras actuais e as xestións aínda abertas con distintas empresas.
Todo isto apunta a unha magnífica edición, que reflectirá unha vez máis tanto o apoio do sector como a súa consolidación como feira forestal de referencia en España.
Un programa dinámico e integrador
De forma paralela a esta exposición o certame ofrecerá un atractivo programa de actividades que reforzarán o monográfico como punto de encontro sectorial e que está a ser deseñado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA e o comité do certame baixo dúas premisas.
Por unha banda, o seu carácter dinámico, con protagonismo de demostracións continuadas de maquinaria e talleres formativos. Por outra, o seu valor como foro de converxencia de empresas, profesionais e Administración a través de simposios e asembleas.









