- TIVO LUGAR ONTE E HOXE NO MARCO DA OITAVA EDICIÓN DESTE MONOGRÁFICO FORESTAL, QUE SE CELEBRA ATA MAÑÁ NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGRARIA DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
- ABORDÁRONSE TEMAS QUE ESTÁN MARCANDO A EVOLUCIÓN DO SECTOR, COMO SILVICULTURA RESILIENTE, MELLORA XENÉTICA, INNOVACIÓN APLICADA AO MONTE, NOVAS TECNOLOXÍAS, PRODUTIVIDADE FORESTAL E TRANSFERENCIA DO COÑECEMENTO ENTRE CIENCIA, INDUSTRIA E TERRITORIO
Silleda, 3 de xullo de 2026.- O monográfico forestal Galiforest Abanca, o cal se celebra ata mañá no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón), foi escenario tanto na xornada de onte como na de hoxe, do II Simposio Ibérico de Silvicultura (II SIS).
Un encontro esencial no que participou un centenar de inscritos que puideron coñecer cara onde avanza o futuro do sector forestal, ao reunir en dúas xornadas a profesionais, investigadores, empresas, asociacións, propietarios forestais, estudantes e administracións públicas en torno a un obxectivo común, pensar e construír o futuro do sector dende a innovación e a xestión sostible.
Onte comezou coa apertura oficial e a posterior exposición por parte de Daniel Farias, de Máis Madeira, organizadores do Simposio. A continuación tiveron lugar cinco conferencias: “Pancas para unha silvicultura activa e resiliente”, a cargo de Arantza Pérez, da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (ASPAPEL); “A potencialidade dos híbridos de Eucalyptus e Corymbia para plantacións forestais en España”, de man de Teotônio Francisco de Assis, de Assistech Brasil; “Manexo nutricional en sistemas forestais: impacto na produtividade e sustentabilidade”, por parte de Ronaldo Luiz Silveira, de RR Agroflorestal Brasil e tamén “Viveros Ence Terra: planta adaptada a cada parcela” e “Viveros Mañente: Max Verde – Un caso de éxito testado”, conducidas, respectivamente, por Federico Ruiz, de Ence Terra, e Santiago Rodal, de Viveros Mañente. A xornada concluíu cunha mesa redonda na que participaron todos os relatores do día.
Xornada de hoxe
Esta mañá o Simposio comezou analizando “O futuro das coníferas en Galicia” a través de tres relatorios. Neles Raquel Díaz, do Centro Agrario de Lourizán, falou sobre o programa de pino pinaster e a resistencia ao nematodo; Jacobo Feijoo, da Fundación Arume expuxo “Gopiña: propagación innovadora de coníferas”, mentres que Carlos Iglesias, de Finsa, fixo o propio na intervención “Veta: modelo de xestión forestal compartida”.
A continuación, avaliouse a “Innovación xenética en eucalipto: o caso portugués” a través da experiencia de Raíz en mellora xenética do eucalipto ao servizo de Galicia, que debullou José Araújo, de Raíz, e tamén da mellora xenética do eucalipto como ponte entre Portugal e Galicia, que abordou Luis Fontes, de Altri Florestal.
As dúas últimas conferencias expuxeron a “Vangarda no melloramento forestal: do híbrido GloNi á edición xenómica libre de ADN”, por parte de Claudio Balocchi, de Arauco Chile; e tamén o “Programa de mellora xenética de Ence: adaptación evolutiva ao territorio”, de man de Carlos Tejedor, de Ence Terra.
De novo, unha mesa redonda cos relatores do día puxo fin á xornada de hoxe e ao II Simposio Ibérico de Silvicultura.









