Transición dixital e bioeconomía forestal, temas de actualidade na feira Galiforest Abanca

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • SERÁN ABORDADOS EN DÚAS XORNADAS ORGANIZADA POLA AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL (XERA) COA COLABORACIÓN DO CERTAME, O CAL TERÁ LUGAR DO 30 DE XUÑO AL 2 DE XULLO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
  • FORMARÁN PARTE DUN INTERESANTE PROGRAMA DE CONFERENCIAS

Silleda, 26 de xuño de 2022.- A sexta edición da feira forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón (moi próximo a Santiago de Compostela), suma dúas xornadas ao seu interesante programa de actividades.

Organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia coa colaboración do certame, contarán coa participación dunha decena de expertos do sector.

A primeira delas, que terá lugar durante o primeiro día da feira, abordará os produtos forestais non madeirables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, é dicir, os beneficios que a poboación pode obter dun ecosistema para o seu benestar. Comezará coa verificación de servizos ecosistémicos na Devesa de Rogueira (Lugo), por parte de Manuel Beiro, da Asociación Bioeco2 e representante de Enxeñería Forestal Asefor, para logo expoñer as perspectivas dos sistemas agroforestais en Europa, de man de Mercedes Rois, consultora en bioeconomía forestal, doutora enxeñeira de montes e secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

A continuación, falarase sobre a explotación de resina na comunidade de montes de Mougás, sendo o encargado Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás. A análise dos resultados dos ensaios de silvicultura dirixidos á obtención de madeira e cogomelos pechará a xornada, sendo realizado por Javier Pereira-Espinel, enxeñeiro de montes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O moderador será Roque Rodríguez, catedrático universitario e profesor de silvicultura da área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Dixitalización

A segunda das xornadas versará sobre a transición dixital. Nela Julia Armesto, doutora enxeñeira de montes e profesora titular da área de Enxeñería Cartográfica da Universidade de Vigo (UVIGO) dará a coñecer a aplicación práctica e resultados obtidos no uso do dispositivo Lidar Móbil Geoslam. En canto á dixitalización na administración forestal, será exposta por Odón López, xefe de servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.

Así mesmo, abordarase o uso do Lidar aplicado á xestión forestal, de man de Alberto López, da Asociación Bioeco2 e departamento de I+D de Enxeñería Forestal Asefor; e tratarase a incorporación nos inventarios do módulo de elasticidade e densidade básica, por parte de Esther Merlo, directora de Madera Plus Calidad Forestal.

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, encargarase de moderar a xornada.