- SERÁ NUNHA XORNADA ORGANIZADA POLA FUNDACIÓN ARUME NO MARCO DESTE MONOGRÁFICO, O CAL TERÁ LUGAR DO 30 DE XUÑO AO 2 DE XULLO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
- FORMARÁ PARTE DUN INTERESANTE PROGRAMA DE CONFERENCIAS PARA O SECTOR
Silleda, 22 de xuño de 2022.- A sexta edición da feira forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), incluirá un programa de xornadas técnicas de gran interese para o sector.
Entre elas, analizaranse os retos e oportunidades do Pino de Galicia no contexto actual de mercado. Será nunha xornada organizada pola Fundación Arume que terá lugar o segundo día de feira.
A marca de garantía Pino de Galicia e a súa presenza actual no mercado será abordada por David Lorenzo, profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e secretario do comité de marca Pino de Galicia, mentres que os novos usos da madeira para unha construción sostible e industrializada serán expostos por Manuel Guaita, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade). Tamén se falará sobre a evolución dos prezos das coníferas e as perspectivas de futuro, sendo a encargada diso Laura Lozano, directora comercial de Maderas Goiriz.
A xornada finalizará cunha mesa redonda sobre os retos e oportunidades das coníferas no contexto actual de incerteza. A súa moderadora será Ana Busto, adxunta á dirección de Serrerías Rodríguez.
Planta forestal mellorada
Tamén centrada no piñeiro e organizada de novo pola Fundación Arume, celebrarase outra xornada o primeiro día de feira. Baixo o título “Planta forestal mellorada” será abordada por Isabel Álvarez, responsable de produción forestal de Viveiros Braña; Enrique Fandiño, xerente de Hifas Foresta; Margarita Fraga, directora técnica de Cultigar-Fundación Paideia Galicia; Francisco José Lario, responsable de proxectos MFR de TRAGSA, e José Martel, xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.
O moderado será Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).