As demostracións de maquinaria e sistemas forestais gañan hoxe protagonismo na feira Galiforest Abanca

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTAS EXHIBICIÓNS PERMITEN AOS EXPOSITORES MOSTRAR OS SEUS PRODUTOS EN FUNCIONAMENTO E AOS VISITANTES COMPROBAR AS SÚAS PRESTACIÓNS
  • COMPETICIÓNS, TALLERES E PROBAS DE PRODUTO SON OUTRAS PROPOSTAS DO PROGRAMA DO CERTAME, O CAL REMATA HOXE NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 2 de xullo de 2022.- A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal remata hoxe no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) intensifica hoxe o seu programa de demostracións de maquinaria e sistemas expostos na feira.

Nunha zona do monte habilitada para isto ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realízanse hoxe exhibicións, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, colleitadoras con cabeza procesadora, astilladoras, centros de procesado para corte e rachado de leña, serradoiros portátiles, biotrituradoras, centros de mecanizado para producir leña para lume ou carbón vexetal, rachadoras horizontais progresivas, plantas de embalaxe para leña, tamiz motorizado para limpar o material procesado, trituradoras, cabezas forestais, autocargadores ou peladoras de troncos.

Así mesmo, hoxe lévanse a cabo demostracións de sistemas de trepa e acceso á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, preparación de estacas de castiñeiro, sistemas para obter resina ou de talla manual controlada.

A realización destas demostracións de maquinaria e sistemas forestais nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden mostrar o funcionamento das súas máquinas e sistemas, como para os visitantes, os cales teñen a posibilidade de comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño da súa actividade.

Outras propostas

Por outra banda, continúan outras exhibicións máis lúdicas, ademais doutras propostas nas que poden participar os visitantes cos debidos equipamentos de seguridade.

Así, están a levarse a cabo talleres de afiado, manexo e corte seguro con motoserra, un concurso de habilidade na montaxe e desmonte de espada e cadea en motoserras, probas de motoserras profesionais, figurismo (realización de esculturas en madeira con motoserras) e exhibicións do coñecido como “deporte da madeira”, nas cales se desenvolverán as distintas modalidades deste deporte, que son corte de tronco en vertical e horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo.