A transición dixital no sector forestal e os retos e oportunidades do pino de Galicia centraron hoxe as conferencias na feira Galiforest Abanca 2022

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTES TEMAS ABORDÁRONSE EN DÚAS XORNADAS TÉCNICAS, UNHA DELAS ORGANIZADA POLA FUNDACIÓN ARUME E OUTRA POLA AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL (XERA) DA XUNTA DE GALICIA COA COLABORACIÓN DO CERTAME
  • ESTE MONOGRÁFICO ESTÉNDESE ATA MAÑÁ NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 1 de xullo de 2022.- A sexta edición da feira forestal Galiforest Abanca, a cal se celebra ata mañá no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), continúa hoxe co seu programa de xornadas técnicas.

Así, esta mañá a Fundación Arume analizou os restos e oportunidades do piñeiro de Galicia no contexto actual de mercado. No seu marco abordouse a marca de garantía Pino de Galicia e a súa presenza actual no mercado, por parte de David Lorenzo, profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e secretario do comité de la marca Pino de Galicia, mentres que os novos usos da madeira para unha construción sostible e industrializada foron expostos por Manuel Guaita, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural (Pemade). Tamén se falou sobre a evolución dos prezos das coníferas e as perspectivas de futuro, sendo a encargada diso Laura Lozano, directora comercial de Maderas Goiriz.

A xornada finalizou cunha mesa redonda sobre os retos e oportunidades das coníferas no contexto actual de incerteza. A súa moderadora foi Ana Busto, adxunta á dirección de Serrerías Rodríguez.

Dixitalización no sector

Por outra banda, esta tarde está a ter lugar unha xornada sobre a transición dixital, organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia coa colaboración do certame.

Nela Julia Armesto, doutora enxeñeira de montes e profesora titular da área de Enxeñería Cartográfica da Universidade de Vigo (UVIGO) deu a coñecer a aplicación práctica e resultados obtidos no uso do dispositivo Lidar Móbil Geoslam. En canto á dixitalización na administración forestal, foi exposta por Odón López, xefe de servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.

Así mesmo, abordarase o uso do Lidar aplicado á xestión forestal, de man de Alberto López, da Asociación Bioeco2 e departamento de I+D de Enxeñería Forestal Asefor; e tratarase a incorporación nos inventarios do módulo de elasticidade e densidade básica, por parte de Esther Merlo, directora de Madera Plus Calidade Forestal.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, é o encargado de moderar a xornada.

Ver + Fotos de Galiforest Abanca 2022