- SUPÓN UN 74% MÁIS QUE NA PASADA EDICIÓN DO CERTAME, CANDO ESTE ASCENDÍA A MÁIS DE 23 MILLÓNS
- TAMÉN ESTÁN PRESENTES, ENTRE OUTROS, SERVIZOS DIRIXIDOS AO SECTOR, VIVEIROS, EMPRESAS DE FERTILIZANTES, INSTITUCIÓNS OU PRENSA TÉCNICA
- ESTE CERTAME CELÉBRASE DENDE ONTE E ATA MAÑÁ NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
Silleda, 1 de xullo de 2022.- A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca 2022, que se celebra desde onte e ata mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), mostra na súa área expositiva maquinaria forestal, equipos e recambios cun valor superior aos 40 millóns de euros, o cal supón un 74% máis que na pasada convocatoria, celebrada en 2018.
A área de exposición de Galiforest Abanca conta con 371 firmas das cales 96 son expositores directos e as restantes son marcas representadas por estes. Entre eles están presentes empresas que mostras centenares de máquinas e equipos, podendo verse, entre outras, autocargadores, procesadoras tanto forestais como de leña e biomasa, astilladoras, rachadoras, trituradoras, guindastres, máquinas telescópicas, rozadoras, motoserras, taladoras, destoconadoras, tractores forestais, motobombas e equipos contra incendios, escavadoras e miniexcavadoras, remolques e semirremolques forestais, serradoiros portátiles, plataformas, cargadoras e minicargadoras, robots forestais, caldeiras de leña e biomasa, biotrituradoras, equipos de clasificación de biomasa, grampas, cabestrantes, cabezais, podadoras, orugas, secadoiros de madeira ou fresadoras.
A elas súmanse outras compañías que expoñen centenares de compoñentes, repostos e accesorios de todo tipo, desde motores, pneumáticos, filtros ou rodamentos ata cadeas metálicas, básculas para guindastres, ferramentas, lubricantes ou equipos electrónicos
Por outra banda, no certame tamén están presentes firmas de servizos dirixidos ao sector, como reparación electrónica, empresas de fertilizantes e nutrientes, viveiros forestais, arboricultura, consultorías, vestiario anticorte e ignífugo, empresas de capacitación para manexo de maquinaria forestal, centros de formación, asociacións, institucións ou prensa técnica.
Máis de 180 demostracións
Moitas das máquinas presentes realizan exhibicións no marco deste monográfico, o cal acollerá máis de 180 demostracións ao longo dos seus tres días de duración.
Entre elas, lévanse a cabo de procesadoras forestais e de leña, colleitadoras con cabeza procesadora, astilladoras, centros de procesado para corte e rachado de leña, serradoiros portátiles, biotrituradoras, centros de mecanizado para producir leña para lume ou carbón vexetal, rachadoras horizontais progresivas, plantas de embalaxe para leña, trituradoras, cabezas forestais, autocargadores, peladoras de troncos ou destoconadoras. Así mesmo, realízanse demostracións de sistemas de trepa e acceso á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, preparación de estacas de castiñeiro, inoculación de micelio para o cultivo de cogomelos, sistemas para obter resina, dun escáner láser con aplicación forestal ou de simuladores de manexo de maquinaria forestal.
Algunhas delas estanse desenvolvendo nunha área arborada habilitada para iso e outras nas propias parcelas dos expositores deste certame forestal, o cal está organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA, entidade que depende da Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia, co apoio da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).