A feira Galiforest Abanca acollerá máis de 180 demostracións en vivo de maquinaria e sistemas forestais

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTAS EXHIBICIÓNS PERMITIRÁN AOS EXPOSITORES MOSTRAR OS SEUS PRODUTOS EN FUNCIONAMENTO E AOS VISITANTES COMPROBAR AS SÚAS PRESTACIÓNS
  • COMPETICIÓNS, TALLERES E PROBAS DE PRODUTO SUMARANSE AO PROGRAMA DO CERTAME, O CAL SE CELEBRARÁ DO 30 DE XUÑO AO 2 DE XULLO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 27 de xuño de 2022.- A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), acollerá numerosas exhibicións de maquinaria e sistemas que se repetirán en distintas ocasións ao longo dos tres días do certame, sumando en total máis de 180 demostracións. Unha cifra que supera amplamente as máis de 150 que se levaron a cabo na pasada edición.

Nunha zona do monte habilitada para iso ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realizaranse exhibicións, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, colleitadoras con cabeza procesadora, astilladoras, centros de procesado para corte e raxado de leña, serradoiros portátiles, biotrituradoras, centros de mecanizado para producir leña para lume, carbón vexetal ou combustibles para plantas de gasificación, raxadoras horizontais progresivas, plantas de embalaxe para leña, trituradoras, cabezas forestais, autocargadores, peladoras de troncos e destoconadoras. Así mesmo, levaranse a cabo demostracións de sistemas de trepa e acceso á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, elaboración de nós para o seu emprego en traballos de arboricultura, preparación de estacas de castiñeiro, inoculación de micelio para o cultivo de cogomelos, sistemas para obter resina, do dispositivo Geoslam e de simuladores de manexo de maquinaria forestal.

Estas demostracións, ás cales se poden sumar aínda algunhas máquinas e entidades máis, serán a cargo das empresas Aroz Berri, Forestcorte Máquinas, Honda/Echo, Arbogal, Husqvarna, Internaco, J.J.E. Hernández – Hersan Wood-Mizer España, Logosol – Timber Tools, Millasur, Pinosa, Seppi M. Península Ibérica, Serrat Trituradoras, Stihl, Log Max Iberia e Hitraf, ademais da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e a Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra.

A realización destas demostracións de maquinaria e sistemas forestais nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden mostrar o funcionamento das súas máquinas e sistemas, como para os visitantes profesionais, os cales teñen a posibilidade de comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño da súa actividade.

Competicións, talleres e proba de produto

Por outra banda, o programa de Galiforest Abanca 2022 acollerá outras exhibicións máis lúdicas, ademais de talleres, probas de produto e competicións, podendo participar os visitantes nalgunhas delas cos debidos equipamentos de seguridade.

Así, Husqvarna levará a cabo talleres de afiado, manexo e corte seguro con motoserra.   En canto a Honda/Echo realizará figurismo, é dicir, esculturas en madeira con motoserra, da man do especialista Eugenio Linares. Tamén organizará concursos de habilidade na montaxe e desmonte de espada e cadea en motoserras.

Pola súa banda, Stihl realizará exhibicións do coñecido como deporte da madeira “Stihl® Timbersports® Series”, nas cales se desenvolverán as distintas modalidades deste deporte, que son corte de tronco en vertical e horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo. Sumará figurismo e proba de motoserras profesionais, ademais de informar sobre cursos e tamén o programa de formación PFC (Profesional Forestal Cualificado).