- O SEU PROGRAMA CONTARÁ ADEMAIS CON INTERESANTES XORNADAS TÉCNICAS, TALLERES, FIGURISMO, PROBAS DE PRODUTO E O SEU CONCURSO DE INNOVACIÓN
- ESTA SEXTA EDICIÓN SERÁ INAUGURADA ÁS 13.00 HORAS POLO VICEPRESIDENTE SEGUNDO E CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES DA XUNTA DE GALICIA, DIEGO CALVO, QUEN ESTARÁ ACOMPAÑADO DO CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL, JOSÉ GONZÁLEZ
Silleda, 29 de xuño de 2022.- O monográfico forestal Galiforest Abanca 2022 arrinca mañá no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón). Será a sexta edición desta feira, que xa se converteu en cita de referencia para o sector e que será inaugurada ás 13.00 horas polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, quen estará acompañado do Conselleiro do Medio Rural, José González.
Galiforest Abanca 2022, que se estenderá ata o sábado, contará coa presenza de 371 firmas expositoras (un 47% máis que na pasada convocatoria, celebrada en 2018) das cales 96 serán expositores directos (un 26% máis) e as restantes serán marcas representadas por estes. As firmas son de 26 países (un 24% máis), mentres que as empresas presentes directamente proceden de distintos puntos de España, Portugal, Italia, Letonia e Eslovenia. A superficie neta ocupada por estes expositores é de 13.726 metros cadrados (un 16% máis que en 2018, cando foron 11.875).
Estas cifras converten a presente edición de Galiforest Abanca na maior celebrada ata o momento. Unha cita organizada pola Feira Internacional de Galicia ABANCA, entidade que depende da Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia, co apoio da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).
A esta gran exposición unirase un interesante programa de actividades para converter ao certame nun centro de negocio forestal, un escaparate das últimas novidades e un foro para a análise da realidade sectorial. Todo isto na mellor localización posible, un monte que permite aos expositores realizar demostracións da maquinara exposta e aos visitantes ver o seu funcionamento sen renunciar a unha boa comunicación, fácil acceso e excelentes infraestruturas. Un lugar real de traballo que constitúe a razón de que o evento se celebre fóra das instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Demostracións e xornadas
No programa de actividades da feira destacará o gran número de exhibicións de maquinaria e sistemas forestais que se repetirán en distintas ocasións ao longo dos seus tres días, sumando en total máis de 180 demostracións que superan amplamente as 150 que se levaron a cabo na pasada edición. Entre outras, serán de procesadoras forestais e de leña, colleitados con cabeza procesadora, astilladoras, centros de procesado para corte e rachado de leña, serradoiros portátiles, biotrituradoras, centros de mecanizado para producir leña para lume ou carbón vexetal, rachadoras horizontais progresivas, plantas de embalaxe para leña, trituradoras, cabezas forestais, autocargadores, peladoras de troncos e destoconadoras. Así mesmo, haberá de sistemas de trepa e acceso á árbore, poda en altura, manexo de motoserra, elaboración de nós para o seu emprego en traballos de arboricultura, preparación de estacas de castiñeiro, inoculación de micelio para o cultivo de cogomelos, sistemas para obter resina, dun escáner láser con aplicación forestal ou de simuladores de manexo de maquinaria forestal.
Sumaranse exhibicións máis lúdicas, ademais de talleres, probas de produto e competicións, podendo participar os visitantes nalgunhas delas cos debidos equipamentos de seguridade. Entre elas, talleres de afiado, manexo e corte seguro con motoserra, figurismo (realización de esculturas en madeira con motoserra), concursos de habilidade na montaxe e desmonte de espada e cadea en motoserras, probas de motoserras profesionais ou exhibicións do coñecido como “deporte da madeira”, nas que se desenvolverán as súas distintas modalidades, que son corte de tronco en vertical e horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo.
Por outra banda, celebrarase un interesante programa de xornadas nas que se tratarán temas de gran interese, como os produtos forestais non maderables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, a transición dixital no sector forestal, os retos e oportunidades do Pino de Galicia ou a mellora na planta forestal de piñeiro.
Concurso de Innovación
Galiforest Abanca 2022, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebrará de novo o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorren 13 novidades que serán avaliadas no certame por un xurado formado por expertos pertencentes a distintos ámbitos e cuxos galardóns serán entregados mañá.
Premiaranse aquelas novidades que destaquen por achegar melloras ao sector forestal e optimizar os seus recursos, presentándose nesta ocasión unha trituradora de fresado de chan e cepas ou raíces cun sistema de corte e fixación único no mercado, unha aboadora autopropulsada cuxo proceso de esparexemento está controlado mediante GPS para mapear a superficie e regular o material dispensado, unha taladora deseñada para calquera especie que tala ata 50 centímetros de diámetros con sistema de cizalla, unha solución intelixente que permite controlar o progreso da explotación forestal en tempo real, unha caldeira de gasificación de leña compacta con pantalla táctil e monitorización da instalación vía App ou Pc e o único colector solar plano de baleiro do mercado.
Súmanse un sistema de aforro para produción de biomasa composto pola combinación de triturado primario e criba de sinfíns, unha procesadora semiautomática de troncos que corta, racha e extrae a leña a través dun tapete volante e que completa o proceso en seis segundos de media, un serradoiro que permite cortar troncos dunha lonxitude ata 2,7 metros e diámetros de ata 135 centímetros, un método de extracción de resina para mellorar a produtividade das masas de piñeiro, o primeiro Eucalipto Niten con mellora xenética resistente ao fungo Mycosphaerella e dúas motoserras, unha delas conta coa batería máis potente do mercado e outra é a primeira a nivel mundial con pistón de magnesio, tecnoloxía xa utilizada na Fórmula 1 que reduce peso e aumenta rendemento.