Galiforest Abanca 2022 pecha coa cifra récord de 7.161 visitantes e consolidándose como a maior feira forestal de España

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • OS ASISTENTES SUPOÑEN UN 27% MÁIS QUE NA SÚA ÚLTIMA EDICIÓN, CANDO ACUDIDO 5.627 PERSOAS
  • ESTA SEXTA EDICIÓN FOI A MAIOR CELEBRADA POLO CERTAME ATA O MOMENTO, TANTO EN FIRMAS E EXPOSITORES PRESENTES COMO EN SUPERFICIE OCUPADA, ADEMAIS DE CONVERTIRSE NA MÁIS INTERNACIONAL
  • OS EXPOSITORES TRASLADARON MAIORITARIAMENTE Á ORGANIZACIÓN QUE ESTA CITA SUPEROU AS SÚAS EXPECTATIVAS

Boqueixón, 2 de xullo de 2022.- A sexta edición da feira forestal Galiforest Abanca, que se celebrou no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) desde o pasado xoves ata hoxe, rexistrou 7.161 visitantes vinculados co sector forestal. Unha gran afluencia que supón unha cifra récord para o certame e que representa un 27 % máis que na pasada cita, en 2018, cando acudiran 5.627 persoas.

Estes asistentes desprazáronse desde multitude puntos da xeografía España, ademais doutros países, esencialmente de Portugal, pero tamén de Italia, Francia, Alemaña, Finlandia ou Estonia.

O público asistente puido coñecer na área expositiva do certame os produtos, servizos e propostas de 371 firmas expositoras (un 47% máis que na pasada convocatoria) de 26 países (un 24% máis), das cales 96 foron expositores directos (un 26% máis) de distintas Comunidades de España, Portugal, Italia, Letonia e Eslovenia. Na súa área expositiva, que ocupou 13.726 metros cadrados (un 16% máis que en 2018), mostrouse maquinaria forestal, equipos e recambios cun valor superior aos 40 millóns de euros, o cal supón un 74% máis que na pasada convocatoria.

Uns datos que converteron a presente edición de Galiforest Abanca na maior celebrada ata o momento en todos os seus parámetros, ademais de ser a de máis afluencia e a máis internacional tanto no que se refire a exposición como a procedencia dos visitantes.

Por outra banda, os expositores trasladaron á organización de forma xeneralizada que esta edición superou as súas expectativas, á vez que confirman que volverán participar en 2024, moitos deles con maior superficie. Así mesmo, distintas empresas do sector que acudiron como visitantes a esta feira facilitaron ao equipo organizador o seu contacto para que os informe sobre a próxima edición debido ao seu interese en ser expositores da mesma.

Unhas expectativas que supoñen que o idóneo para a celebración de Galiforest Abanca 2024 sexa aumentar o espazo expositivo habilitado no recinto para o certame.

Con todo isto, Galiforest Abanca consolídase como a maior feira forestal de España, coa organización da Feira Internacional de Galicia ABANCA, entidade que depende da Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia, e o apoio da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).

Demostracións, xornadas e talleres

Á gran exposición deste monográfico uniuse un interesante programa de actividades. Nel destacaron as exhibicións de maquinaria e sistemas forestais, que se repetiron en distintas ocasións ao longo dos seus tres días sumando en total máis de 180 demostracións que superaron amplamente as 150 que se levaron a cabo na pasada edición. Entre outras, realizáronse de procesadoras forestais e de leña, colleitadoras con cabeza procesadora, astilladoras, centros de procesado para corte e rachado de leña, serradoiros portátiles, biotrituradoras, centros de mecanizado para producir leña para lume ou carbón vexetal, rachadoras horizontais progresivas, plantas de embalaxe para leña, trituradoras, cabezas forestais, autocargadores, peladoras de troncos e destoconadoras. Así mesmo, houbo de sistemas de trepa, poda en altura, manexo de motoserra, elaboración de nós para o seu emprego en traballos de arboricultura, preparación de estacas de castiñeiro, inoculación de micelio para o cultivo de cogomelos, sistemas para obter resina, dun escáner láser con aplicación forestal, simuladores de manexo de maquinaria forestal ou tala manual controlada.

Sumáronse exhibicións máis lúdicas, ademais de talleres, probas de produto e competicións, podendo participar os visitantes nalgunhas delas cos debidos equipamentos de seguridade. Entre elas, talleres de afiado, manexo e corte seguro con motoserra, figurismo (realización de esculturas en madeira con motoserra), concursos de habilidade na montaxe e desmonte de espada e cadea en motoserras, probas de motoserras profesionais ou exhibicións do coñecido como deporte da madeira.

Por outra banda, celebrouse un interesante programa de xornadas nas que se trataron temas de gran interese, como os produtos forestais non madeirables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, a transición dixital no sector forestal, os retos e oportunidades de Pino de Galicia ou a mellora na planta forestal de piñeiro.

Concurso de Innovación

Galiforest Abanca 2022, no seu obxectivo de contribuír ao fomento do I+D+i no sector, celebrou de novo o seu Concurso de Innovación Tecnolóxica, ao cal concorreron 14 novidades que foron avaliadas no certame por un xurado formado por dez expertos pertencentes a distintos ámbitos.

O primeiro premio foi para un proxecto en técnicas de extracción de resina para masas de piñeiro con fins produtores de madeira e obtención de resina de alta calidade. Unha das mencións recaeu nunha solución intelixente que permite aos operadores e contratistas ver o progreso da explotación forestal en tempo real, podendo saber en todo momento a evolución dos traballos, e a outra acadouna un cabezal talador direccional de dimensións e peso reducido e con posibilidade de oriental o cabezal marcando a dirección do talado e mantendo a máquina fixa.

Ver + Fotos de Galiforest Abanca 2022