A XUNTA DESTACA A IMPORTANCIA DA FEIRA GALIFOREST COMO ESCAPARATE DO SECTOR FORESTAL E DO SEU PESO NA ECONOMÍA GALEGA  

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na inauguración do monográfico forestal que se celebra en Boqueixón
  • Diego Calvo destacou a importancia de eventos coma este para consolidar a recuperación da actividade da Fundación Semana Verde, que medrou nun 50% no que vai de ano
  • Cabe salientar que Galicia é a novena potencia forestal europea e lidera o sector a nivel nacional, aglutinando a metade da madeira que se corta no conxunto de España

 Boqueixón (A Coruña), 30 de xuño de 2022.- O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá en Boqueixón na inauguración da sexta edición da feira Galiforest Abanca 2022. Monográfico forestal internacional para o sur de Europa, que acolle o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude desde hoxe ata o sábado.

Diego Calvo definiu Galiforest como un punto de encontro para o sector forestal de Galicia onde dar a coñecer as últimas novidades e avances despois de catro anos sen celebrarse esta feira bienal, xa que a edición de 2020 tivo que ser adiada debido á pandemia do coronavirus. No percorrido polos expositores tamén estiveron o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O vicepresidente segundo salientou que Galicia é unha comunidade de referencia no ámbito forestal e este sector constitúe unha das principais fontes de riqueza e de emprego no rural galego. Ademais, sinalou que o monte de Sergude e, en concreto, o seu Centro de Formación e Experimentación Agroforestal no que se están a formar os futuros traballadores deste sector é o espazo idóneo para acoller a feira.

Por iso, animou a todo o mundo a achegarse estes días a Sergude, onde Galiforest se constituirá como centro de negocios para o sector, ademais dun escaparate das últimas innovacións tecnolóxicas e foro de coñecemento e posta en común da realidade forestal.

Por outra parte, Diego Calvo incidiu que esta feira contribuirá a consolidar a recuperación da actividade da Fundación Semana Verde neste ano e sumarse aos beneficios que xa supuxeron nos últimos meses 12 eventos como a XLIII Feira da Semana Verde ou Enerxétika e varios procesos selectivos que supuxeron un aumento da actividade nun 50% con respecto ao mesmo período de 2021.

Xunto coas sesións semanais da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, Diego Calvo confía en seguir nesta tendencia de resultados positivos no que queda de exercicio grazas a outros eventos previstos como o encontro informático XGN R Encounter, programado para outubro; a Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo), en novembro; e o Silleda Park que se instalará un ano máis no recinto feiral de Silleda en decembro.

Cabe salientar que Galicia é a novena potencia forestal europea e lidera o sector a nivel nacional, aglutinando a metade da madeira que se corta no conxunto de España. Nesa liña, o sector forestal representa -segundo datos do Instituto Galego de Estatística- case o 2% do PIB da comunidade, supoñendo preto dun 12% do emprego industrial galego. Así, ata 80.000 familias viven directa ou indirectamente dos nosos montes.

Galiforest 2022

Galiforest ten como obxectivos a exposición dos avances en maquinaria, o intercambio comercial e o impulso da sustentabilidade e o avance do sector forestal. Esta edición de récord acada as súas mellores cifras cunha superficie de 13.726 metros cadrados e coa participación de 371 firmas expositoras de 26 países representadas por case un un cento de expositores directos, o 10% deles internacionais. Cómpre engadir que a Axencia Galega de Industria Forestal (XERA) estará presente nun posto compartido con axentes do sector baixo o lema “O futuro é de madeira”.

Ao longo destes días, na feira desenvolveranse máis de 180 demostracións en vivo sobre o funcionamento de diversa maquinaria e de traballos en monte, algunhas das cales estarán a cargo de persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, exhibicións máis lúdicas, así como outras conferencias dirixidas a profesionais para analizar o presente e o futuro do sector e abordar temas como a transición dixital no sector forestal ou os retos e oportunidades do piñeiro en Galicia. Tamén se celebrará o tradicional concurso de innovación co que recoñecer novos proxectos orientados á mellora do sector forestal.

Ver + Fotos de Galiforest Abanca 2022