- SERÁ NUN CONCURSO AO QUE CONCORREN NOVIDADES PRESENTADAS POLOS EXPOSITORES DO CERTAME E CUXOS GALARDÓNS SE ENTREGARÁN NA XORNADA INAUGURAL
- ESTE MONOGRÁFICO CELEBRARASE DO 30 DE XUÑO AO 2 DE XULLO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
Silleda, 28 de xuño de 2022.- A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, que se levará a cabo do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón) recoñecerá novos proxectos do sector orientados á súa mellora dende distintos puntos de vista.
Será a través do seu VI Concurso de Innovación Tecnolóxica “Galiforest Abanca 2022”, o cal distinguirá as máquinas, produtos, servizos e procesos presentes que destaquen polo seu deseño, calidade de traballo e prestacións. A Feira Internacional de Galicia ABANCA, organizadora do certame co apoio da Xunta de Galicia, pretende así contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal.
Nesta edición valoraranse 13 innovacións, dúas máis que na súa a última cita, entre as que figuran unha trituradora de fresado de chan e cepas ou raíces cun sistema de corte e fixación único no mercado, unha abonadora autopropulsada cuxo proceso de esparexemento está controlado mediante GPS para mapear a superficie e regular o material dispensado, unha taladora deseñada para calquera especie que tala ata 50 centímetros de diámetros con sistema de cizalla, unha solución intelixente que permite controlar o progreso da explotación forestal en tempo real, unha caldeira de gasificación de leña compacta con pantalla táctil e monitorización da instalación vía App ou Pc e o único colector solar plano de baleiro do mercado.
Súmanse un sistema de aforro para produción de biomasa composto pola combinación de triturado primario e criba de sinfíns, unha procesadora semiautomática de troncos que corta, racha e extrae a leña a través dun tapete volante e que completa o proceso en seis segundo de media, un serradoiro que permite cortar troncos dunha lonxitude ata 2,7 metros e diámetros de ata 135 centímetros, un método de extracción de resina para mellorar a produtividade das masas de piñeiro, o primeiro Eucalipto Niten con mellora xenética resistente ao fungo Mycosphaerella e dúas motoserras, unha delas conta coa batería máis potente do mercado e outra é a primeira a nivel mundial con pistón de magnesio, tecnoloxía xa utilizada na Fórmula 1 que reduce peso e aumenta rendemento.
O xurado de expertos que as valorará terá en conta as melloras significativas nalgún aspecto importante da súa aplicación, tales como materiais, fiabilidade, sustentabilidade, seguridade no traballo ou ergonomía.
Galardóns
O Concurso concederá o Premio de Innovación Galiforest Abanca 2022 e mencións especiais. Uns galardóns que se darán a coñecer e serán entregados na xornada inaugural do monográfico, o 30 de xuño.
Na pasada edición do certame, celebrada en 2018, venceu unha procesadora presentada oficialmente na feira cuxo concepto se baseaba nunha articulación central ríxida e un eixo traseiro oscilante sobre o que se montaba un bogie (conxunto de pares de rodas) que, xunto cos cilindros de inclinación da cabina, conferíanlle unha maior estabilidade e eficacia na súa adaptación ás irregularidades do terreo.
Tamén se concederon dúas mencións. Unha delas foi para un camión astillador cuxa principal novidade era o incremento substancial do diámetro de corte e a produción, xa que permitía partir todos os residuos de madeira cun diámetro de ata 80 centímetros co mínimo esforzo. A segunda concedeuse a unha procesadora forestal híbrida, unha tecnoloxía que naquel momento era de nova implantación no sector, cada vez máis comprometido co medio ambiente