A feira forestal Galiforest Abanca analiza no seu primeiro día os produtos non madeirables, os servizos ecosistémicos do monte e a planta de pino mellorada

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
  • ESTES TEMAS ABÓRDARONSE EN DÚAS XORNADAS TÉCNICA, UNHA DELAS ORGANIZADA POLA FUNDACIÓN ARUME E OUTRA POLA AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL (XERA) DA XUNTA DE GALICIA COA COLABORACIÓN DO CERTAME
  • ESTE MONOGRÁFICO ESTÉNDESE ATA O VINDEIRO SÁBADO NO CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 30 de xuño de 2022.- A sexta edición da feira forestal Galiforest Abanca, a cal se celebra dende hoxe ata o vindeiro sábado no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), celebra hoxe dúas xornadas técnicas de gran interese para o sector coa participación de once expertos.

A primeira delas tivo lugar esta mañá baixo o título “Planta forestal mellorada”,  Organizada pola Fundación Arume, contou coa intervención de Isabel Álvarez, responsable de produción forestal de Viveros Braña; Enrique Fandiño, xerente de Hifas Foresta; Margarita Fraga, directora técnica de Cultigar-Fundación Paideia Galicia; Francisco José Lario, responsable de proxectos MFR de TRAGSA, e José Martel, xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia.

O moderado foi Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán – Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).

NTFP e bioeconomía forestal

Por outra banda, esta tarde está a ter lugar outra xornada, organizadas pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) da Xunta de Galicia coa colaboración do certame. Nela estanse analizando os produtos forestais non madeirables (NTFP) e os servizos ecosistémicos do monte, é dicir, os beneficios que a poboación pode obter dun ecosistema para o seu benestar. Comezou coa verificación de servizos ecosistémicos na Devesa de Rogueira (Lugo), por parte de Manuel Beiro, da Asociación Bioeco2 e representante de Enxeñería Forestal Asefor, para logo expoñer as perspectivas dos sistemas agroforestais en Europa, de man de Mercedes Rois, consultora en bioeconomía forestal, doutora enxeñeira de montes e secretaria do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia.

Ademais, está programado tratar nesta xornada a explotación de resina na comunidade de montes de Mougás, sendo o encargado Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mougás, e tamén analizar os resultados dos ensaios de silvicultura dirixidos á obtención de madeira e cogomelos, de man de Javier Pereira-Espinel, enxeñeiro de montes da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O moderador é Roque Rodríguez, catedrático universitario e profesor de silvicultura da área de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Ver + Fotos de Galiforest Abanca 2022