A feira Galiforest Abanca retoma as súas datas habituais para asegurar a súa excelente progresión e será do 23 ao 25 de xuño de 2022    

Silleda, 6 de maio de 2021.- A sexta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca será finalmente do 23 ao 25 de xuño de 2022. Así o decidiu esta mañá o seu Comité Organizador nunha reunión celebrada por videoconferencia na que participaron representantes dunha vintena de empresas e entidades do sector forestal, os cales estiveron acompañados por José Ignacio Lema Piñeiro, director da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) e Ramón Lamelo Otero, xefe da área de promoción da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL).

O certame, aprazado en 2020 debido á crise xerada pola COVID-19, estaba previsto do 8 ao 10 de xullo deste ano. Sen embargo, o seu Comité Organizador avaliou hoxe distintos aspectos que o levaron a trasladala a 2022. Así, moitas empresas do sector consideran que a día de hoxe segue existindo incerteza respecto á situación sanitaria derivada da COVID-19. Unha valoración que en moitos casos supón que teñan decidido restrinxir ou descartar a asistencia este ano a calquera tipo de evento, o que podería afectar á exposición do certame tanto dende o punto de vista cualitativo como cuantitativo. Así mesmo, distintas firmas fabricantes manifestaron que están a ter dificultades en canto á subministración de materias primas, o que complicaría ou imposibilitaría a fabricación de determinada maquinaria para presentar na feira.

Por todo iso, Galiforest Abanca atrásase e sitúase nas súas datas naturais, as cales foron desde os seus inicios en anos pares e entre os meses de xuño e xullo. Quérese así garantir a súa excelente progresión, a cal se traduciu na súa última edición, a maior e máis internacional ata o momento, na participación de 254 firmas expositoras, un 40% máis que na anterior convocatoria, e en 76 expositores directos, un 33% máis. Entre estes últimos triplicouse o número de empresas estranxeiras, o que permitiu que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo lle concedera á feira o selo de internacionalidade a efectos aduaneiros. En total os expositores ocuparon 11.875 metros cadrados netos, un 24% máis, e foron visitados por 5.600 profesionais do sector.

Unha evolución que converteu a Galiforest Abanca nun referente para empresas, institucións e profesionais do mundo forestal e que o seu Comité Organizador pretende que non se vexa condicionada por aspectos derivados da COVID-19.

location-icon

ENDEREZO OFICINAS CONTRATACIÓN
FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Avda. Recinto Ferial S/N
36540 Silleda – Pontevedra
LUGAR CELEBRACIÓN DA FEIRA
CENTRO DE FORMACIÓN E EXPERIMENTACIÓN AGROFORESTAL DE SERGUDE
Boqueixón – Próximo a Santiago de Compostela

email-icon

CONTACTO

María del Carmen Otero Villar
+34 629 834 177
galiforest@feiragalicia.com

Julio Pérez Filloy
+34 629 825 866
julioperez@feiragalicia.com