V Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa. Sergude - Boqueixón

A feira Galiforest Abanca intensificou hoxe as súas demostracións e actividades centradas na maquinaria forestal

• TEÑEN LUGAR NUNHA ZONA HABILITADA PARA TAL FIN E NAS PROPIAS PARCELAS DAS EMPRESAS NO CERTAME, O CAL SE CELEBRA NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)
• MAÑÁ, ÚLTIMO DÍA DO MONOGRÁFICO, VOLVERÁ A SER UNHA XORNADA CON GRAN CANTIDADE DE EXHIBICIÓNS, PROBAS DE PRODUTO E COMPETICIÓNS

Silleda, 29.6.2018.- A quinta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará ata mañá no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), intensifica hoxe, e tamén o fará mañá, o seu programa de demostracións de maquinaria.

Nunha zona do monte habilitada para isto ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, estanse a realizar exhibicións, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, autocargadores, grúas, raxadoras verticais e horizontais, aserradoiros portátiles de motoserra e cinta, astilladoras de biomasa, peladoras de troncos, trituradoras, cabestrantes para motoserras, sistemas de embalaxe para leña, destoconadoras, cabezais forestais para triturado ou desbrozadoras. Así mesmo, estanse a levar a cabo demostracións de afiado, corte e manexo de motoserras, trepa de árboles e tamén de uso e configuración de parámetros de determinadas máquinas a través de simulador portátil.

A realización destas demostracións de maquinaria nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden amosar o funcionamento das súas máquinas, como para os visitantes profesionais, os cales teñen a posibilidade de comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño da súa actividade.

Estas demostracións están a ser realizadas polas empresas Aroz Berri, Forestcorte Máquinas, Guifor, Hijos de Roberto Fuerte-Transgrúas, Hitraf, Husqvarna, J.J.E. Hernández, Logosol, Motogarden, Ovalle Bosque y Jardín, Oxce, Pinosa, Seppi, Serrat Trituradoras, Simorra, Stihl, Suministros Ilaga, Tangorri, TMC Cancela e Picursa.

Competicións e simuladores

Por outra banda, o programa de Galiforest Abanca 2018 está a acoller outras exhibicións máis lúdicas que tamén incluirán competicións, probas de produto nas que poden participar os visitantes do certame e simuladores.

Así, Stihl, está a levar a cabo competicións do coñecido como deporte da madeira “Stihl® Timbersports® Series”, as cales son realizadas por competidores oficiais que desenvolven todas as modalidades deste deporte, que son corte de tronco en vertical, horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo. Ademais, tanto esta firma como Husqvarna están a realizar talla de esculturas en madeira con motoserra, que no caso desta última é a cargo do embaixador da marca en España, Tino Meis. Tamén ambas empresas realizan actividades nas que os visitantes poden probar as súas motoserras, cos debidos equipamentos de seguridade que teñen á súa disposición, e incluso competir entre eles nalgúns dos casos.

Por outra banda, o público tamén pode empregar os simuladores que mostran varias das firmas presentes na feira. Un deles, de realidade virtual, está no Husqvarna Truck. Denomínase Limberjack e nel maiores e nenos poden converterse en leñador profesional durante uns minutos intentando eliminar 24 ramas de 2,7 metros coa maior precisión e rapidez.

Así mesmo, conta cun simulador a empresa Guifor, o cal emula unha procesadora e un autocargador, é dicir, traballos de tala e carga de madeira, ao igual que o fai o da firma Log Max. Este último está orientado á formación de operadores nestes dous tipos de máquinas para que adquiran habilidades, e conta con varios exercicios e modos de traballo nos cales tamén poden facer probas os visitantes, como training ou competición.

 
 
 

Style Selector

Layout Style

Background Image