V Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa. Sergude - Boqueixón

Unha procesadora forestal con gran estabilidade e eficacia en terreos difíciles, primeiro premio no Concurso de Innovación da feira Galiforest Abanca

• O XURADO PREMIOUNA POLA SÚA DOBRE INNOVACIÓN MECÁNICA, A SÚA VERSATILIDADE PARA O USO QUE DEMANDA O MONTE GALEGO E O SEU CONTROL DA PRODUCIÓN
• OS GALARDÓNS FORON ENTREGADOS ESTA TARDE POLA CONSELLEIRA DO MEDIO RURAL NO MARCO DESTE CERTAME ORGANIZADO POLA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 28.6.2018.- A procesadora Komatsu 901 XC de 8 rodas con sistema Maxifleet e 3PS, presentada pola empresa Hitraf (Vila de Cruces, Pontevedra), acadou o primeiro premio no Concurso de Innovación Tecnolóxica celebrado no marco do monográfico forestal Galiforest Abanca 2018. Este certame, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA, lévase a cabo dende hoxe ata o sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

Esta procesadora, cuxa presentación oficial en España se está a facer en Galiforest Abanca, baséase no concepto dunha articulación central ríxida e un eixo traseiro oscilante sobre o que se monta un bogie (conxunto de pares de rodas) que, xunto cos cilindros de inclinación da cabina, confírenlle unha maior estabilidade e eficacia na súa adaptación ás irregularidades do terreo. Conta con 8 rodas que lle permiten distribuír mellor o peso, un sistema de xestión de flotas Maxifleet co que se pode planificar, controlar e optimizar a súa actividade e tamén tres bombas hidráulicas que garanten unha capacidade optimizada favorecendo a capacidade produtiva e reducindo o consumo de combustible, co conseguinte menor impacto ambiental.

O xurado outorgou o premio a esta innovación pola súa dobre innovación mecánica, a súa versatilidade para o uso que demanda o monte galego e o seu control da produción.

Neste Concurso de Innovación tamén se concederon dúas mencións, sendo unha delas para o camión astillador Heizohack HM 14-860 KL, presentado por Motogarden (Oroso, A Coruña). Este vehículo une nunha mesma máquina transporte, alimentación e astillado, sendo a súa principal diferencia con respecto á oferta existente no mercado o incremento substancial do diámetro de corte e a produción, xa que permite trocear todos os residuos de madeira, como listóns, vigas, leña, podas ou troncos cun diámetro de hasta 80 centímetros co mínimo esforzo. Así mesmo, un cilindro de arrastre e unha cadea plana de aceiro con dentes fixados por soldadura encárgase de que o arrastre sexa potente e fiable.

A mención foille concedida pola súa versatilidade e adaptación ás dificultades do monte galego (accesibilidade).

A outra mención concedeuse á procesadora forestal híbrida Logset 12H GTE Hybrid, presentada por Forest Pioneer (Irún, Guipúzcoa). Esta máquina incorpora tecnoloxía híbrida, xa implantada noutros sectores pero de nova incorporación no sector da maquinaria forestal, cada vez máis comprometido co medio ambiente. Consta dun motor eléctrico de 210CV que combinado cun motor de 300CV de combustión interna proporciona unha gran potencia de 510CV reducindo ao mesmo tempo as emisións de C02 entre un 15 e un 30%. O sistema híbrido incrementa o rendemento á vez que os costes de consumo son moi baixos. A estabilidade do rendemento do motor aforra combustible, alarga a vida do motor e permite que os custe de mantemento sexan baixos.

Fíxoa merecedora desta mención a súa contribución da técnica híbrida ao mundo forestal.

Os premios foron entregados esta tarde pola Conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto, durante o percorrido de inauguración da feira. Neste acto de entrega acompañárona, ademais doutras autoridades, o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto Juanas; o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Ignacio Lema, e os membros do xurado.

Ao concurso, co cal a Feira Internacional de Galicia ABANCA pretende contribuír ao fomento do I+D+i no sector forestal, presentáronse once innovacións destinadas a aportar melloras ao sector forestal e a optimizar os seus recursos. Ademais das máquinas galardoadas concorreron dous cabezais taladores, un centro de produción de leña para queima, unha raxadora horizontal progresiva, un sistema de embalaxe de leña, unha trituradora híbrida e dous tipos de pneumáticos forestais.

Todas estas novidades e tamén moitas outras presentadas polas empresas participantes nesta edición móstranse na área de exposición do monográfico.

Avaliadas por 7 expertos

As innovacións participantes foron examinadas esta mañá por un xurado conformado por sete expertos pertencentes a outras tantas institucións e entidades. Foron Raúl Rodríguez, técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Ana Oróns, secretaria xeral da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia (FEARMAGA); Alejandro Arias, membro da xunta directiva da Asociación de Empresas de Servizos Forestais de Galicia (SERFOGA); Enrique Martínez, director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; Patricia González, xerente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia; Pablo Vila director do Departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela) e Juan J. Isorna, xefe de explotación do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

 
 
 

Style Selector

Layout Style

Background Image