V Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa. Sergude - Boqueixón

A feira Galiforest Abanca expuxo o funcionamento e simplificación da nova tramitación electrónica de aproveitamentos madeireiros e leñosos

• FOI NUNHA XORNADA INFORMATIVA ORGANIZADA ESTA MAÑÁ POLA CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL NO MARCO DESTE MONOGRÁFICO, O CAL TEN LUGAR ATA O SÁBADO NO CENTRO AGROFORESTAL DE SERGUDE (BOQUEIXÓN)

Silleda, 28.6.2018.- A quinta edición da feira forestal Galiforest Abanca, a cal se celebra dende hoxe ata o sábado no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), abordou esta mañá a nova tramitación electrónica de aproveitamentos madeireiros e leñosos en Galicia.

A Consellería do Medio Rural foi a encargada de expoñela a través dunha xornada na que se debullou este sistema polo que a propia Consellería pasou a ser dende abril a tramitadora única da solicitude destes aproveitamentos. Un cambio que ten por obxectivo a simplificación do proceso, ao non ter que pedir autorizacións a distintos departamentos da Xunta de Galicia e ao poñer á disposición dos interesados un sistema sinxelo para a súa realización a través da aplicación CORWEB da Sede Electrónica da Administración galega.

Belén Bris, subdirectora xeral de Recursos Forestais da Consellería do Medio Rural, foi a encargada de abrir o encontro cun relatorio centrado na identificación de procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final. Durante a súa intervención detallou, entre outros aspectos, o marco normativo, a documentación necesaria para a solicitude ou unha das principais novidades, o visor que se incorpora ao sistema para proporcionar información xeolocalizada ao usuarios.

A continuación Iván Freire, creador da aplicación CORWEB da empresa Bahía Software, falou desta aplicación na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Ademais, abordouse a presentación na Sede Electrónica con distintos medios e firma electrónica, sendo o encargado Fernando Gil, xefe do Departamento de Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Por último, Alfredo Fernández, director do Departamento Técnico de Estudos do Instituto de Estudos do Territorio, falou polo miúdo do visor cartográfico de aproveitamentos forestais, no cal os usuarios poden ver a parcela na que queren facer a corta e indicar que condicionantes ten a mesma para que a Consellería faga as tramitacións correspondentes.

 
 
 

Style Selector

Layout Style

Background Image