Silleda, 25.6.2018.- A quinta edición da feira forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 28 ao 30 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), abordará a nova tramitación electrónica de aproveitamentos madeireiros e leñosos en Galicia.
A Consellería do Medio Rural será a encargada de expoñela a través dunha xornada que terá lugar o primeiro día do certame e na que se debullará este sistema polo que a propia Consellería pasou a ser dende abril a tramitadora única da solicitude destes aproveitamentos. Un cambio que ten por obxectivo a simplificación do proceso, ao non ter que pedir autorizacións a distintos departamento da Xunta de Galicia e ao poñer á disposición dos interesados un sistema sinxelo para a súa realización a través da aplicación CORWEB da Sede Electrónica da Administración galega.
Así, no marco deste encontro Belén Bris, subdirectora xeral de Recursos Forestais da Consellería do MedIo Rural, comezará describindo a identificación de procedementos de autorización, declaración responsable e comunicación final.
Pola súa banda, Iván Freire, creador da aplicación CORWEB da empresa Bahía Software, falará desta aplicación na Sede Electrónica da Xunta de Galicia. Ademais, abordarase a presentación na Sede Electrónica con distintos medios e firma electrónica, sendo o encargado Fernando Gil, xefe do Departamento de Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Por último, Alfredo Fernández, director do Departamento Técnico de Estudos do Instituto de Estudos do Territorio, falará sobre o visor cartográfico de aproveitamentos forestais, no cal os usuarios poden ver a parcela na que queren facer a corta e indicar que condicionantes ten a mesma para que a Consellería faga as tramitacións correspondentes.
Seguridade con motoserras e desbrozadoras
A feira Galiforest Abanca celebrará no seu marco un completo programa de actividades no que se incluirá tamén outras xornadas con gran interese para o sector.Entre elas, o segundo día levaranse a cabo dúas conferencias organizadas pola firma Stihl, as cales se centrarán na seguridade con motoserra e desbrozadora e no programa de formación-certificación para traballadores forestais PFC-IMQ, dirixido a profesionais forestais e empresas que prestan servizos neste sector. Serán impartidas, respectivamente, por Álvaro López e Ángel Domínguez, formadores cualificados Stihl Training, con especialidade en traballos de apeo e desbroce no caso do primeiro e en xardinería e traballos en altura o segundo.
Así mesmo, esta empresa falará noutra xornada das novas tecnoloxías, centrándose na inxección electrónica das motoserras e sendo o encargado de facelo o director de produto Enrique Alonso.