Silleda, 23.6.2018.- A quinta edición do monográfico forestal Galiforest Abanca, a cal se celebrará do 28 ao 30 de xuño no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), acollerá numerosas exhibicións de maquinaria que se repetirán ao longo dos tres días, sumando en total máis de 150 demostracións durante o certame. Unha cifra que supera amplamente ás máis de 100 que se levaran a cabo na pasada edición.
Nunha zona do monte habilitada para isto ou ben nas propias parcelas das empresas expositoras, realizaranse exhibicións, entre outras, de procesadoras forestais e de leña, autocargadores, grúas, raxadoras verticais e horizontais, aserradoiros portátiles de motoserra e cinta, astilladoras de biomasa, peladoras de troncos, trituradoras, cabestrantes para motoserras, sistemas de embalaxe para leña, destoconadoras, cabezais forestais para triturado ou desbrozadoras. Así mesmo, levaranse a cabo demostracións de sistemas de trepa de árbores, afiado, corte e manexo de motoserras e tamén de uso e configuración de parámetros de determinadas máquinas a través de simulador portátil.
Estas demostracións, ás cales se poden sumar aínda algunhas máquinas e entidades máis, serán a cargo das empresas Aroz Berri, Forestcorte Máquinas, Guifor, Hijos de Roberto Fuerte-Transgrúas, Hitraf, Husqvarna, J.J.E. Hernández, Logosol, Motogarden, Ovalle Bosque y Jardín, Oxce, Pinosa, Seppi, Serrat Trituradoras, Simorra, Stihl, Suministros Ilaga, Tangorri, TMC Cancela e Picursa.
A realización destas demostracións de maquinaria nun lugar real de traballo é un dos principais atractivos que ofrece o monográfico, tanto para os expositores, que poden amosar o funcionamento das súas máquinas, como para os visitantes profesionais, os cales teñen a posibilidade de comprobar in situ as vantaxes e posibilidades que estas lles ofrecen para o desempeño da súa actividade.
Competicións e proba de produto
Por outra banda, o programa de Galiforest Abanca 2018 acollerá outras exhibicións máis lúdicas que tamén incluirán competicións e probas de produto nas que poden participar os visitantes do certame. Así, a cargo de Husqvarna realizarase un “open motoserrista”, no que persoas desta firma competirán entre si e sendo vencedor aquel que corte máis rápido un tronco coa motoserra.
Ademais, a cargo de Stihl, celebrarase exhibicións do coñecido como deporte da madeira “Stihl® Timbersports® Series”, as cales serán realizadas por competidores oficiais que desenvolverán todas as modalidades deste deporte, que son corte de tronco en vertical, horizontal, con velocidade, con serra de man, corte en altura e con prototipo.
Por outra banda, ambas firmas organizarán nas súas parcelas figurismo, é dicir, elaboración de esculturas en madeira con motoserra e tamén actividades nas que os visitantes poderán probar as súas motoserras, cos debidos equipamentos de seguridade que terán á súa disposición.